
Secretaria Xeral do PSdeG-PSOE de Ponteareas desde xuño de 2025, Vanesa Fernández Soage é licenciada en Filoloxía Hispánica e funcionaria pública desde 2004. Actualmente é tamén membro da xunta directiva de ASEXTRA, Asociación de Examinadores de Tráfico. Con anterioridade foi concelleira de Función Pública (2015-2023) no goberno municipal de Ponteareas. Nesta entrevista fai un repaso da actualidade política ponteareán coa mira posta nas eleccións municipais 2027.
Dende as súas novas responsabilidades políticas, que entende lle fallou aos socialistas locais e comarcais?
Os socialistas cogobernamos en Ponteareas oito anos, ostentando a tenencia de alcaldía. Na primeira lexislatura as forzas estaban equilibradas pero, como pasa en toda coalición, o rédito político adoita quedaren en quen ten a alcaldía. A pesar diso, nós entendemos que tiñamos que seguir comprometidos cos veciños e veciñas dende dentro do goberno e volvemos reeditar o pacto, aínda que xa cun maior desequilibrio.
“A idea falsa de que o bipartito só miraba para o casco urbán acabou por custarnos as eleccións de 2023”
Na segunda lexislatura a situación foi distinta; na recta final instalouse unha percepción equivocada: que o goberno só miraba para o casco urbán. Esa idea, aínda que falsa, acabou por custarnos as eleccións porque en realidade fixemos investimentos moi importantes no rural, especialmente dende as áreas que levaba o PSdeG-PSOE: cambiamos a iluminación, melloramos estradas e camiños, apoiamos as asociacións rurais con subvencións… Cómpre lembrar que no casco urbán as forzas de esquerda gañamos as eleccións. O resultado final viu marcado polas parroquias, onde esa percepción de abandono pesou máis.
O goberno de Nava Castro vén de superar o ecuador do seu mandato. Como valora a súa xestión?
Desafortunadamente para os veciños e veciñas de Ponteareas estamos ante un goberno que, lonxe de atender as necesidades dos ponteareáns optaron por subir impostos de xeito salvaxe sen ofrecer ningún servizo adicional que mellorase as nosas vidas. Prometeron ofrecer servizos para a cidadanía e o que temos é unha folga indefinida das traballadoras de Axuda no Fogar que dura xa máis de 60 días.
Nestes dous anos vivimos un retroceso en Ponteareas significativo onde se prohíbe xogar aos nenos e nenas nas prazas públicas; se permite o uso do vehículo no primeiro e único camiño escolar seguro co que contamos; se dilapidan millóns en caprichos da Sra. Castro e o Sr. Carrera como a pseudo pista de atletismo que van levar a cabo en contra de toda a comunidade atlética e se retoman vellas costumes como comidas en fincas privadas pagadas por persoas particulares.
“Temos o peor centro de saúde de toda a contorna”
Este é o goberno das mentiras. Comprometéronse a ter en dous anos o saneamento de toda Ponteareas e, por non ter, non teñen nin sequera subministro de auga potable municipal a todas as vivendas do casco urbano. Comprometéronse a mellorar a sanidade no centro de saúde e temos o peor centro de saúde de toda a contorna. Prometeron oportunidades de vivenda e traballo para a mocidade e o que fixeron foi aprobar unha axuda para que os propietarios de baixos comerciais podan especular coa vivenda. En definitiva, Ponteareas sumiuse nestes dous anos na néboa das políticas autoritarias e caciquís da dereita e a extema dereita.
Urbanismo, novo Centro de Saúde, servizos sociais, xestión ambiental, Artistea. Que mantería e que eliminaría destes feitos políticos do actual goberno?
Resulta imposible manter nada da xestión actual do goberno. Nestes dous anos destruíron todo o que nós deixamos feito. O pouco que fixeron do que deixamos no goberno anterior é o pírrico avance no Parque Empresarial da Lomba, que está a converterse nun fracaso que non convence a ninguén. Tamén lamento que o centro cívico que adquirimos para toda a veciñanza se transformase nun espazo elitista para uns poucos.
“Lamento que o centro cívico que adquirimos para toda a veciñanza se transformase nun espazo elitista para uns poucos”
Nos servizos sociais, o PP fixo unha xestión carente de empatía, como amosan os conflitos co persoal de Axuda no Fogar. E temo que o novo centro de saúde repita erros do pasado, porque o que precisamos son médicos, non edificios baleiros. En definitiva, a política da señora Castro baséase na foto e na propaganda, non en mellorar a vida da cidadanía.
As socialistas propoñemos unha xestión do público onde o obxectivo principal sexan as persoas. Un goberno municipal ten que dar solucións á falta de vivenda, ao ocio dos nosos adolescentes, á cultura como formación, a achega de oportunidades das parroquias e o casco urbán, a servizos de proximidade que revertan no comercio local, á atención aos máis necesitados, á igualdade de oportunidades… en definitiva un goberno para a xente, non un goberno para facer carreira política e profesión perpetua.
Existe sintonía entre a Oposición ou cada quen vai polo seu lado?
As tres forzas políticas que estamos na oposición temos proxectos de vila distintos, xeitos de xestionar diferentes e prioridades diversas. Se ben é certo, Ponteareas conta cunha oposición plural, que ten un denominador común: somos forzas progresistas. Ao longo destes dous anos amosamos, igual que o fan as tres forzas políticas que conforman o goberno, que podemos unir as nosas forzas en obxectivos básicos e xustos. Nisto consiste a política, en disentir para acordar.
“Ponteareas conta cunha oposición plural que ten un denominador común: somos forzas progresistas”
Municipais 2027. É posible unha reedición do bipartito (ou incluso un tripartito) no Concello?
O Partido Socialista concurrirá ás eleccións municipais do 2027 co obxectivo de acadar a alcaldía e ofrecerlle aos veciños e veciñas a oportunidade de ter os mesmos servizos e oportunidades que a cidadanía de moitos Concellos gobernados por Alcaldes e Alcaldesas socialistas.
Para iso contamos coas propostas de todos os veciños e veciñas, escoitamos as súas preocupacións e necesidades e estamos dispostos a traballar a reo para que Ponteareas sexa unha vila onde a xente queira vivir. Eu non teño outro xeito de entender a política que coma un servizo público. Estou en política para ofrecer o meu tempo e o meu esforzo en mellorar a vida dos meus veciños e veciñas, e isto quen me coñece o sabe ben.
Eleccións autonómicas 2028. Cal é o traballo político que deben aportar os socialistas a nivel Comarcal para acadar a Xunta?
Gobernar a Xunta pasa, indiscutiblemente, por gobernar as nosas vilas. Só podemos construir país dende o local, dende a proximidade, dende as casas dos nosos veciños e veciñas. O coñecemento do local, do día a día, das necesidades que temos hoxe cando nos levantamos ou mañá cando temos que levar aos nosos fillas e fillos á escola, son o que se precisa para gobernar na Xunta. Temos que dar resposta ao que están a demandar os veciños e veciñas para vivir, cada día.





