Necesitamos un goberno galego que lle plante cara ao “madricentrismo”

Ana Pontón | portavoz nacional do BNG

-Como acelerarán a aplicación do estatuto das electrointensivas para salvar empresas como ALCOA?
Creo que o debate está noutro punto. A multinacional ALCOA ten tomada unha decisión que é pechar. A nós o que nos interesa é saber que ser fará para non perder esta fábrica de aluminio primario. A única soclución é unha intervención pública a través dunha nacionalización. A Xunta o que tiña que poñer sobre a mesa dúas propostas, a primeira, unha intervención conxunta entre a Xunta e Goberno Central, a segunda, unha tarifa eléctrica galega, porque non pode ser que sexamos produtores de enerxía e non teñamos vantanxes sobre isto. Hai que acabar co expolio enerxético en Galiza.

-Estamos diante dunha chantaxe de ALCOA?
A nós preocúpanos o emprego e futuro dunha comarca. O que non entendemos que os mesmos que rescataron a banca con 90.000 millóns de euros, agora nos digan que é imposible o rescate do emprego e actividade económica. En Italia salvouse unha planta coa intervención do estado, en Alemania, con Angela Merkel, liberal convencida, acaba de nacionalizar Lufthansa. Como non vai ser posible facelo cunha factoría industrial? Estou convencida que se a factoría de San Cibrao estivese en Madrid, hoxe habería unha solución sobre a mesa. Non podemos permitir que PP e PSOE non poñan solucións sobre a mesa.

-Sobre a política lingüística, cales son os puntos que abordará o BNG de chegar ao goberno da Xunta?
Primeiro, pasamos once anos de ataques ao galego e de querer camiñar a unha sociedade monolingüe en castelán. Cremos que o idioma é unha riqueza, temos que traballar para derrogar o decreto da vergoña, poñer en marcha unha nova política que acabe coa discriminación ás persoas galegofalantes e aproveitar a potencialidade que abre o marco da lusofonía que nos permite unha proxección internacional.

-Reforma estatutaria si ou non?
Un estatuto aprobado hai máis de trinta anos é un traxe estreito para as necesidades actuais. Queremos un novo estauto que avance no noso recoñecemento como nación, na nosa capacidade de decisión e que sexan ferramentas para poñer en marcha o país. Necesitamos novas políticas e deixar de queixarnos porque se fagan repartos inxustos dos fondos, e non poñer sobre a mesa que poidamos recadar os nosos impostos.

-E por que non sobe o ideario soberanista?
Creo que nestas eleccións veremos unha suba do BNG, porque moitos galegos e galegas están apostando por nós, por defender e mirar polo noso, queren un cambio de paradigma. Neste momento post-Covid a xente cae na conta que hai que pensar globalmente mais actuar localmente. É importante reforzar o autogoberno fronte a globalización neoliberal.

-O feito de que exista a posibilidade dunha muller á fronte da Xunta é de por si, unha molestia para o PP?
O PP sabe que o BNG ten un programa de futuro. Tamén lle molesta o feminismo, tentou culpabilizar unha mobilización do 8-M da pandemia, iso agocha o proxecto regresivo do PP para as mulleres. Feijóo nada máis entrou na Xunta apoiou unha rede vinculada ao Opus Dei, que quere impedir que as mulleres decidan sobre o seu corpo, a segunda medida foi recortar axudas a mulleres vítimas de violencia de xénero. Nós o que queremos é o contrario, máis recursos para a loita contra violencia de xénero e para a conciliación.

-Moita xente nova emigra, con moita preparación debaixo do brazo, cales son as propostas que pon o BNG?
Unha aposta decidida pola innovación, pois sabemos que hai moito talento que marchou, é unha cuestión clave. Tamén desenvolver un novo modelo económico que reactive Galiza, por dar oportunidades á xente.

Nado en Xove. Redactor en medios online, gabinetes de prensa, campañas electorais e bolseiro en medios radiofónicos. Desenvolvemento de proxectos web municipais e posicionador SEO. Blogueiro, community manager e investigador.