Ponteareas | Case medio cento de militantes e simpatizantes, coa adhesión doutros 30 que non puideron asistir, celebraron cun xantar o pasado sábado 24 o 30 aniversario da entrada do BNG no Concello de Ponteareas.
No acto tamén se lembrou ao primeiro alcalde do BNG, Xosé Represas, coincidindo co cuarto cabodano do seu pasamento, o 24 de maio de 2021.
O candidato do BNG nas eleccións de 1995, Roberto Mera, dirixíuse ás persoas que participaron no evento lembrando que “30 anos de representación institucional non se cumpren todos os días” e que a celebración pretendía “reivindicar a nosa propia historia, os nosos méritos e logros acadados co noso esforzo” engadindo que “hoxe non se pode entender o que é Ponteareas sen o que nós fixemos dende o ano 1990” en referencia á data na que o BNG se organizou na localidade, en paralelo coa creación do Grupo Ecoloxista Adenco.
No inicio desa década, explicou Mera, “apareceu unha xeración de xente nova que se bregou no ecoloxismo, no antimilitarismo e a insubmisión ao servizo militar, en movementos sociais e culturais, no sindicalismo estudantil universitario, adquirindo formación política e solidez ideolóxica traducida logo na organización do BNG local e o seu éxito electoral”.
Tras lembrar a loita co poder municipal do PP e de Pepe Castro como unha confrontación “de David contra Goliat”, Roberto Mera aclarou que “se David conseguíu ao final derrotar a Goliat foi cunha entrega e un sacrificio de moitos e moitas das que estades hoxe aquí que nunca se poderá agradecer dabondo. Persoas que dabades e que dabamos o noso tempo a cambio de nada” e cuxo sacrificio e esforzo “deu o seu resultado, dos 300 votos de 1991 pasamos 16 anos despois en 2007 a máis de 3.600, multiplicando por dez o noso apoio social”. Mera advertíu, ao fío da derrota electoral de 2023, que “en política, o que custa décadas de sacrificios conseguir, pódese estragar e aniquilar nun abrir e pechar de ollos. Sobran exemplos no noso país de localidades onde o BNG logrou éxitos incríbeis e maiorías absolutas e onde hoxe non hai nin representación”.
O exportavoz municipal do BNG concluíu cunha apelación: “Coidemos o que construimos dende hai 35 anos, protexamos o que fomos capaces de crear dende hai décadas, defendamos o noso legado e non permitamos que ninguén, dende fora ou dende dentro, destrúa un proxecto que non é noso, non é dos militantes e simpatizantes do BNG, nin sequera dos votantes que nos dan o seu apoio, senón que é un proxecto de toda a sociedade, tamén ao servizo dos que non pensan coma nós, e que debe continuar sempre inspirado polos principios máis nobres que nos identifican: a democracia, a ética, os dereitos humanos, a paz, o progreso e o benestar social, o amor ao noso país, á nosa cultura e lingua e á nosa idiosincrasia que nos define como nación”.