Museo de Pontevedra cede temporalmente ao Reina Sofía dúas obras do artista galego Uxío Souto

O debuxo ‘Campo de concentración’ e a escultura ‘Oaxaqueña’

Pontevedra | O Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía exhibe desde hoxe dúas obras do artista galego Uxío Souto que lle foron cedidas temporalmente polo Museo de Pontevedra para formar parte da súa nova sección ‘Pensamiento perdido: Autarquía y Exilio’, dedicada a mostrar tanto o complexo contexto no que viviron os creadores que se viron obrigados a abandonar España trala Guerra Civil, como á produción artística realizada dentro do país durante a ditadura franquista.

A escultura ‘Oaxaqueña’ de Uxío Souto.

O préstamo, que se prolongará ao longo de 18 meses, inclúe a escultura en bronce ‘Oaxaqueña’ datada en 1942, e a augada en cor ‘Campo de concentración’, realizada en 1944 e que recolle unha escena dos prisioneiros republicanos españoles no campo de concentración francés de Barcarés, no que estivo internado o propio autor.

“Este tipo de colaboracións entre institucións museísticas son habituais tendo en conta, ademais, o interese que suscita a nosa colección pola súa calidade e dimensión”, subliñou o director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rey, quen lembrou que “de feito, temos cooperado co Reina Sofía en distintas exposicións temporais e contamos cunha obra súa en préstamo”.

O Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía atópase actualmente traballando nun proxecto que permita reler a súa colección permanente para ofrecer unha nova interpretación dos seus fondos e ampliar a zona expositiva, reordenación que culminará a finais deste ano.

Dentro desta acción atópase a apertura ao público hoxe deste terceiro episodio da súa colección, na cuarta planta do edificio Sabatini, no que se cobren dous elementos antitéticos, por un lado, as primeiras décadas do franquismo ata a Trienal de Milán de 1951; e polo outro, a fuxida dos republicanos e o seu exilio en países como Francia, México ou Porto Rico.