Muíños terá un novo centro de saúde que duplique a superficie actual

Incorporará unha sala polivalente e espazos para o persoal e sala de xuntas

Muíños | Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, e Plácido Álvarez, alcalde de Muíños, asinaron un convenio de colaboración para a construción dun novo centro de saúde nesta localidade que duplicará a superficie do actual, pasando dos 170 m2 aos 340. Será un edificio de uso exclusivo sanitario, co que isto supón para a ordenación da asistencia.

En concreto, contará cunha sala polivalente que poderá usarse para a atención de casos urxentes ou para a realización de técnicas. Para os profesionais tamén terá melloras importantes, cunhas dimensións nas consultas cos criterios unificados do Sergas e, por primeira vez, cunha sala de xuntas, vestiarios e almacén.

O conselleiro remarcou que “poucas veces cando asinamos un convenio o trámite municipal vai tan avanzado”, polo que agradeceu ao alcalde esa axilidade que vai permitir á Xunta acelerar o proceso de construción.

En consecuencia, o departamento sanitario galego comezará a tramitar a encomenda de xestión á Axencia Galega de Infraestruturas para que licite canto antes o proxecto arquitectónico do novo centro, e unha vez que o teña, licitarase a obra “pois seguro xa teremos a parcela en titularidade autonómica”. Polo tanto, “esta axilidade e previsión coa que actuou o concello vai permitir que o de Muíños sexa un dos primeiros centros de saúde do Plan de Infraestruturas sanitarias que entre en funcionamento”.

O máximo responsable do Sergas sinalou que esta sinatura demostra que para este Goberno a sanidade no rural é unha prioridade. Non hai investimento só nos hospitais ou nos centros de saúde urbanos, -dixo Comesaña-, “hai unha aposta porque a cidadanía do rural reciba a mellor asistencia e porque os profesionais que exercen nestes centros traballen nas mellores condicións”.

Infraestruturas de atención primaria en Ourense
O Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria propón para a área sanitaria de Ourense a construción de oito novos centros de saúde e unha reforma. Así, a fase 0 do Plan contempla a construción do novo Centro Integral de Saúde de Ourense (co proxecto básico xa adxudicado e elaborado) e doutro en A Rúa (co proxecto xa licitado).

Na fase 1, ademais de en Muíños, contémplanse novos centros en Boborás (que xa conta co convenio asinado) e O Carballiño (onde xa se remitiu ao Concello unha proposta de protocolo de colaboración) mentres que na fase 2 proxéctanse a construción de novos centros en Allariz, Montederramo e no barrio de Mariñamansa na cidade de Ourense, así como a reforma do centro de saúde e PAC de Viana do Bolo.

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 99 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as cinco obras que arestora están en marcha. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

Na provincia de Ourense, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como o de A Merca, Toén, Entrimo, Vilar de Santos, Vilamarín, Barbadás, Pontedeva, Pereiro de Aguiar e Paderne de Allariz, e as reformas de A Peroxa (Os Peares) e de Carballeda de Avia, mentres que se atopan iniciadas as reformas nos centros de saúde de Arnoia e Ribadavia.

A través de cofinanciamento cos concellos, o conselleiro sinalou que se reformaron centros de saúde como os de Leiro, Carballeda de Valdeorras, Lobios ou Cenlle. De feito, durante 2021, o Executivo galego tamén asinou convenios de reforma dos centros de titularidade municipal nos concellos de Rairiz de Veiga, O Bolo, Amoeiro, Beariz, Vilardevós, Maside, Castro Caldelas e Castrelo de Miño.

No que se refire ás infraestruturas hospitalarias, iniciouse a obra dun novo edificio de hospitalización, adxudicouse a reforma da UCI e licitouse a obra da unidade de medicina nuclear. Actuacións xa en marcha no Hospital de Ourense e que supoñen un investimento de preto de 65 millóns de euros ao que se sumarán os novos edificios ambulatorio e administrativo, para os que licitarase este ano o proxecto arquitectónico.

Hai polo tanto, -concluíu o conselleiro-, unha renovación integral en Ourense tanto en primaria como na hospitalaria, en infraestruturas e equipamentos, remarcando Comesaña que, nos últimos anos, o centro de saúde de Muíños recibiu un electrocardiógrafo dentro dun investimento global de oito millóns que se fixo para dotar de novo material aos centros de primaria.