Movemento Salceda e PSOE reeditan o seu bipartito

Os dous concelleiros do PSOE incorpóranse ao equipo de goberno o vindeiro 31 de marzo

Salceda de Caselas | Movemento Salceda e PSdeG-PSOE de Salceda de Caselas, desde a responsabilidade institucional, a vontade de estabilidade e o compromiso co interese xeral da veciñanza, veñen de formalizar un acordo para artellar unha etapa de goberno compartido durante o actual mandato municipal. O documento susténtase na confianza política, na corresponsabilidade institucional, na coordinación permanente e no respecto ás responsabilidades asumidas por cada formación, coa finalidade de garantir estabilidade, eficacia na acción de goberno e impulso das políticas prioritarias para o municipio.

A partires do 31 de marzo, Xurxo Gregorio e Óscar Domínguez incorpóranse ao goberno municipal asumindo Xurxo a segunda Tenencia de Alcaldía, para o cal contará con unha dedicación parcial correspondente ao 50% da xornada.

As relacións entre os grupos municipais de Movemento Salceda e PSOE melloraron claramente dende o cambio da dirección local do partido socialista e das persoas que ostentan as concellarías, polo que esa boa sintonía se materializa agora neste acordo. Movemento Salceda, pola súa banda, mantivo sempre a porta aberta para que tanto PSOE como BNG pasasen a formar parte do goberno municipal.

Ademais das reunións ordinarias de coordinación do goberno local, créase unha Comisión de Seguimento do Acordo, integrada por dous representantes de cada formación, que se reunirá con carácter bimensual para avaliar o cumprimento dos compromisos asumidos, facer seguimento do desenvolvemento do acordo e abordar calquera cuestión interpretativa ou organizativa que poida xurdir.

Os Concelleiros do PSdeG-PSOE sumirán as seguintes áreas de goberno:
Xurxo Gregorio:
Participación Cidadá: relación co tecido asociativo, impulso de procesos participativos, dinamización e coordinación de canles estables de comunicación coa veciñanza.

Comercio: apoio ao comercio local, dinamización económica e campañas de promoción, relación directa co tecido comercial do municipio.

Axenda Urbana: coordinación de actuacións vinculadas á planificación urbana sostible, impulso de proxectos relacionados coa mobilidade, espazos públicos e captación de fondos.

Formación e Emprego: impulso de programas de formación para o emprego, coordinación con outras administracións e entidades para favorecer a inserción laboral e a creación de oportunidades no municipio.

Transporte: seguimento e impulso das políticas de mobilidade e transporte público, coordinación con outras administracións para a mellora da conectividade do municipio.

Óscar Domínguez:
Memoria Democrática: desenvolvemento das políticas municipais vinculadas á memoria democrática e aos valores democráticos.

Transparencia e Bo Goberno: impulso das políticas de transparencia institucional e acceso á información pública.
Seguimento de Plans e Programas: seguimento transversal dos plans municipais e avaliación do seu grao de execución.

Ámbalas dúas formacións establécense como prioridade de goberno a de seguir a traballar na mellora das infraestruturas e do saneamento; actuacións viarias prioritarias; equilibrio económico municipal; mellora do transporte público e reforzo das políticas sociais e de igualdade.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.