Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense do 23 de abril ao 8 de maio

O Teatro Principal contará con 20 espectáculos e a participación de 233 artistas

Ourense | O Teatro Principal da Deputación de Ourense acolleu esta mañá a presentación oficial da 31ª Mostra Internacional de Teatro Universitario (MITEU), un evento que durante máis de tres décadas posicionou á cidade e á provincia no mapa cultural internacional. No acto participaron César Fernández, vicepresidente da Deputación; Sandra Quintas, directora territorial da Xunta de Galicia; Fernando Dacosta, director da MITEU; o vicerreitor do Campus de Ourense, Javier Rodríguez Rajo e o presidente do Liceo, José Luis Troitiña, así como a directora do Teatro Principal, Olga Mojón.

A MITEU 2026 arrancará o vindeiro 23 de abril coa Mostra Interactiva de Danzas do Mundo e concluirá o 8 de maio coa clausura a cargo de Maricastaña, o grupo de teatro da Aula de Ourense. Durante a súa intervención, César Fernández cualificou esta 31ª edición como a da “madurez”, subliñando que para a institución provincial o apoio á MITEU vai máis alá do patrocinio: “Dende a Deputación entendemos que as institucións deben estar á altura para facilitar un dereito fundamental: o acceso á cultura”. Fernández destacou a importancia da cooperación entre entidades para unir esforzos e facer posible un cartel tan ambicioso.

O director da mostra, Fernando Dacosta, amosouse emocionado polo fito de acadar as 31 edicións, agradecendo especificamente o apoio da Deputación e do Liceo por ceder os espazos. A 31ª MITEU a organización confirmou a participación de grupos de Palestina, Perú e Portugal, cun programa que inclúe 20 espectáculos de teatro e danza; 233 participantes entre actores, directores e técnicos; e actividades paralelas.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.