Mostra documental en Ourense de María Luz Morales, pioneira do xornalismo feminimo

Vintecatro pezas das publicacións están expostas no Arquivo Histórico

Ourense | O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou no Arquivo Histórico Provincial de Ourense a mostra María Luz Morales, pioneira do xornalismo feminino, organizada no marco da conmemoración do Día da Muller, e coa que, destacou, “achegamos á cidadanía e poñemos en valor a figura dunha galega que foi a primeira muller española en dirixir un xornal de ámbito estatal.

Lorenzo explicou que se trata dunha escolma documental sobre a que fora directora de La Vanguardia entre 1936 e 1939, con 24 pezas, baseada en distintas publicacións da xornalista e escritora e na correspondencia que mantivo con Vicente Risco entre 1955 e 1960, conservada neste arquivo. Neste senso, apuntou que “volvemos dar conta da importancia do legado que salvagardan estes espazos como fonte de coñecemento e de achegamento á nosa historia”. Esta recompilación bibliográfica “fai un repaso polas súas facetas como escritora de novela, teatro e libro infantil, así como editora, tradutora, crítica cinematográfica e guionista, amosando a súa relevancia para a cultura galega e como referente para as mulleres do seu tempo”. Así mesmo, puxo en valor a súa traxectoria, que inclúe o seu traballo como parte da Asociación de Escritores Galegos, que se constituíu en 1936, ou a participación na campaña do Estatuto Galego do mesmo ano.

Ademais do material do propio Arquivo Histórico, a proposta conta con documentos procedentes da Biblioteca Pública Nós, da Biblioteca de Galicia, da Biblioteca Pública de Lugo e da Biblioteca Fundación Pública Camilo José Cela, xestionadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, así como outras pezas da Real Academia Galega, de Galaxia, da Fundación Penzol, de Arxiu Fotogràfic de Barcelona e da colección particular da familia Conde Escuredo. A mostra, que poderá visitarse ata o 30 de maio, forma parte do programa As exposicións de 2026 como motor cultural da Galicia Calidade, que conta con 74 exposicións temporais repartidas en 18 equipamentos culturais xestionados pola Xunta de Galicia.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.