Mos renova en Pleno a adhesión ao transporte metropolitano de Galicia

Coa inclusión do bus urbano en dito plan
A renovación do convenio coa Xunta de Galicia para o desenvolvemento conxunto do transporte metropolitano na área de Vigo foi aprobado en pleno polo Concello de Mos.

Mos | O Concello de Mos aprobou esta mañá en Pleno a renovación do convenio de colaboración coa Dirección Xeral de Mobilidade da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia para o desenvolvemento conxunto do transporte metropolitano de Galicia na área de transporte metropolitano de Vigo.

Así como o convenio a tres bandas entre Concello, Xunta e empresa concesionaria do transporte urbano municipal, para a compensación tarifaria e as súas obrigas asociadas na área de transporte metropolitano.

A renovación do convenio coa Xunta para o servizo do transporte metropolitano aprobouse por maioría cos votos a favor do equipo de goberno (PP) e PSOE e as abstencións de GañaMos, BNG e os concelleiros non adscritos Román González Garrido e Verónica Costas Campo. O segundo punto da orde do día, relativo ao transporte urbano municipal, foi tamén aprobado por maioría cos votos a favor de todos os corporativos municipais, agás a abstención de GañaMos.

Respecto do servizo de transporte en Mos a alcaldesa, Nidia Arévalo, e a concelleira de Mobilidade mosense, Julia Loureiro, destacaron que “o Concello de Mos, xunto con Moaña que dispón dun barco que cruza a ría, e a gran urbe, que é Vigo, é a única localidade da área que dispón de servizo de transporte urbano municipal; integrado ademáis no transporte metropolitano de Galicia”.

A adhesión ao convenio do transporte metropolitano de Galicia supón a Mos unha aportación económica anual do 15%, ao igual que ao resto de concellos adheridos, mentres que a Xunta de Galicia asume o 85% restante. Este gasto municipal tradúcese exactamente nunha contía total de 6.636 euros ao ano.

“A adhesión ao convenio do transporte metropolitano de Galicia supón a Mos unha aportación económica anual do 15%, ao igual que ao resto de concellos adheridos, mentres que a Xunta de Galicia asume o 85% restante”

Por outra banda o Concello de Mos leva investido durante os últimos 4 anos (desde o ano 2017 que entrou en funcionamento) 11.000 euros en subvencionar o transporte público a 630 mozos e mozas.

Tan só neste último ano 2021, 110 mozos mosenses fixeron a denominada Tarxeta Xente Nova coa que poden xiaxar gratuitamente tanto no bus urbano de Mos como no metropolitano da Xunta, puidendo desprazarse libremente e de balde por toda Galicia nas 3.300 liñas de autobús autonómicas.

Pola súa banda, para un adulto maior de 21 anos o importe é de 0,88 €, sen ter que aboar un novo billete se fai trasvase do transporte metropolitano ao municipal de Mos, e viceversa.

En abril de 2017 Mos integrou o seu transporte urbano no transporte metropolitano de Galicia para que os mosenses puideran beneficiarse das bonificacións nos traxectos en transporte público.

As representantes municipais, Arévalo e Loureiro, destacaron a este respecto que “o Concello de Mos foi o primeiro de Galicia no que funcionou a Tarxeta Xente Nova nos seus buses urbanos, facilitando os desprazamentos gratuítos aos menores de 21 anos”.

Estes convenios permiten que a veciñanza teña trasbordos urbanos e interurbanos gratuítos (pagando un único billete de 0.88 €) agás para viaxar a Vigo, que non está adherido ao convenio coa Xunta.

Transporte Metropolitano de Galicia
Desde abril de 2015, data na que entrou en funcionamento o transporte metropolitano, realizáronse preto de 17 millóns de viaxes bonificadas e o uso do transporte público incrementouse en máis do 21%. A tarxeta de transporte metropolitano de Galicia permite aforros de ata 600 euros anuais por usuario.

O plan de transporte metropolitano de Galicia inclúe cinco áreas metropolitanas: a de Vigo, A Coruña, Ferrol, Santiago e Lugo. En todos os casos a urbe de referencia forma parte do plan e está adherida ao convenio, permitindo o pago dun billete único con gratuidade dos trasbordos, agás no caso de Vigo, pola negativa da cidade olívica.

“O plan de transporte metropolitano de Galicia inclúe cinco áreas metropolitanas: a de Vigo, A Coruña, Ferrol, Santiago e Lugo”

Por exemplo, se un veciño de Louredo colle o bus urbano de Mos aboará 0,88 € ao subirse, pero ao chegar a Peinador para coller o Vitrasa terá que volver a pagar 1,35 €, e o viaxe sairalle por un importe total de 2,23 €, case o triple do que lle custaría se Vigo formase parte do plan de transporte metropolitano de Galicia.