Mos reforza a coordinación institucional contra a Violencia de Xénero

Un total de 114 mulleres foron atendidas durante este 2025

Mos | O Concello de Mos celebrou hoxe unha nova sesión da Mesa Local Contra a Violencia de Xénero, presidida pola alcaldesa Nidia Arévalo, un espazo clave para fortalecer a coordinación, analizar casos, mellorar protocolos e garantir unha resposta eficaz, próxima e humana fronte á violencia machista.

A xuntanza contou cunha ampla representación institucional e profesional, reunindo a:

– Alcaldía do Concello de Mos: Nidia María Arévalo Gómez
– Unidade contra a Violencia de Xénero da Subdelegación do Goberno en Pontevedra: María José Rodríguez
– Concelleiro de Igualdade: Leo Costas
– Concelleira de Política Social: Sara Cebreiro
– Concelleira de Educación e Emprego: Julia Loureiro
– Garda Civil de Mos: José Luis Moure Carballo
– Equipo VIOGEN Garda Civil Vigo: Urbano Covelo Soto
– Emerxencias Mos / Protección Civil: Borja Ave
– IES de Mos: Azucena Matilde
– CIM Mos: Ana Mª Rodríguez Cabaleiro – asesoramento xurídico; María Martínez Conde– asesoramento psicolóxico; Alba Mª Bugarín – área técnica
– UFAM: Inspector Crisanto Lago Gradín
– Centro de Saúde de Mos: Carolina Blanco, coordinadora
– Educación: Kelly Monzón
– Servizos Sociais: Dolores Lago Rodríguez.
– Atención Temperá: Beatriz Díaz e Lili
– CEIP Petelos: Raquel Domínguez.
– Centro de Emerxencias: Elena Molanes
– Policía Local de Mos: Víctor Diz e Miguel Novo

A presenza destes profesionais evidencia o compromiso colectivo en Mos para garantir unha atención integral e coordinada ás vítimas.

Balance actualizado do CIM Mos: un servizo de referencia
Durante a sesión presentouse o balance máis recente do Centro de Información á Muller (CIM), que confirma a súa relevancia como servizo público esencial:

Do 01/01/2025 ao 20/11/2025
– 114 mulleres atendidas
– 426 consultas totais
– 118 consultas de asesoramento xurídico
– 303 consultas de atención psicolóxica

Do 18/11/2024 ao 20/11/2025
– 123 mulleres atendidas
– 490 consultas totais
– 140 consultas de asesoramento xurídico
– 345 consultas de atención psicolóxica

Son datos que mostran o incremento da demanda, o compromiso profesional do equipo e a confianza das usuarias no servizo.

Avances na coordinación e protección das vítimas
A Mesa destacou importantes progresos na coordinación interinstitucional, entre eles a celebración de dúas mesas técnicas durante o ano con Garda Civil, Policía Local, Servizos Sociais, Educación e Sanidade; a mellora da comunicación e creación de protocolos conxuntos de actuación, así como a incorporación da Policía Local de Mos ao sistema VIOGEN, un avance estratéxico para reforzar a protección das vítimas e optimizar a resposta ante situacións de risco.

De cara a conmemoración do 25 N, o Concello de Mos resumiu as principais accións realizadas durante o ano:
– Accións de sensibilización e educación: Xénerocómic, charlas en centros educativos e propostas para familias.
– IV Xornadas da Muller: legalidade, realidade social e visión profesional feminina.
– Escape Room do Orgullo: educación en diversidade e respecto.
– Teatro en Igualdade: proxecto subvencionado pola Deputación de Pontevedra.
– Mellora da accesibilidade e do equipamento do CIM, para garantir atención máis cómoda e segura.
– Creación de dous postos de traballo para mulleres vítimas de violencia de xénero, mediante programas de inserción sociolaboral.
– Na Biblioteca María Magdalena: monólogo o día 24 e a exposición bibliográfica “Rompendo silencios” do 24 ao 28 de novembro.

A alcaldesa Nidia Arévalo agradeceu o labor de todo o persoal técnico, das entidades colaboradoras e das forzas e corpos de seguridade, subliñando que “só desde a unidade e a coordinación se pode ofrecer unha resposta integral e efectiva”.

O Concello de Mos reafirma o seu compromiso de seguir fortalecendo a rede local de prevención, apoio e igualdade, cunha meta común: garantir vidas libres de violencia para todas as mulleres de Mos.

Cambios na programación do 25N
Ante a previsión de choiva para o luns, o Concello de Mos informa de que todos os actos previstos para esa xornada se trasladan ao Pavillón Óscar Pereiro, mantendo os mesmos horarios:

– Actividade e mural participativo: 10:30–12:30 h
– Acto institucional do 25N: 12:00 h: no que está prevista a lectura do Manifesto, homenaxe ás vítimas, minuto de silencio e intervención da alcaldesa.

O obxectivo é garantir a participación, a comodidade e a seguridade de todas as persoas asistentes.

Conexión hidráulica da Factoría Galicia Sports 360
A Xunta de Goberno Local do Concello de Mos aprobou hoxe o Convenio de colaboración entre o Concello de Mos e o Real Club Celta de Vigo, S.A.D. destinado á execución do novo sistema xeral de abastecemento de auga que conectará o ámbito do Proxecto de Interese Autonómico Factoría do Deporte Galego – Galicia Sports 360 coa condución xeral do Louro.

O acordo permitirá avanzar nunha infraestrutura clave para garantir o subministro e o correcto funcionamento do complexo deportivo impulsado polo Real Club Celta de Vigo no municipio. O convenio regula a cooperación técnica e administrativa entre ambas as partes para a proxección, execución e financiamento do novo sistema xeral de condución, que incluirá unha tubaxe de 6 km, bombeos intermedios e un depósito regulador de 1.500 m³ no Coto dos Mosquitos.

A Sociedade Anónima Deportiva asumirá a totalidade dos custos das obras, incluíndo redacción do proxecto, contratación, execución e expropiacións necesarias, mentres que o Concello de Mos será o encargado da supervisión técnica, da posta á disposición dos terreos municipais afectados e da recepción e explotación posterior da infraestrutura, que pasará a ser de titularidade municipal.

A alcaldesa, Nidia Arévalo, asegurou que “a aprobación deste convenio é un paso decisivo para avanzar nun proxecto estratéxico para Mos e para Galicia, garantindo unha infraestrutura hidráulica moderna, segura e sostible que dará servizo tanto á Factoría do Deporte como á contorna”.

O convenio terá unha vixencia inicial de catro anos, prorrogable ata un máximo de oito, e inclúe a creación dunha comisión de seguimento paritaria para garantir o cumprimento dos compromisos adquiridos.