Mos e Redondela delimitan o deslinde do Miliario de Santiaguiño de Antas

Ámbolos dous Concellos encargarán unha delimitación topográfica

Mos | A Comisión de Deslinde entre os concellos de Mos e Redondela reuniuse hoxe para abordar a delimitación territorial na contorna do Miliario de Santiaguiño de Antas. Na reunión participaron, por parte do Concello de Mos, a alcaldesa Nidia Arévalo e os concelleiros Leo Costas, responsable de Patrimonio, e Julia Loureiro, edil de Participación Cidadá e concelleira da parroquia de Guizán, e o concelleiro do BNG Alberto Barreiro, ademais da técnica e o secretario municipais.

Trala exposición das posturas de ámbalas partes acordouse que, nun prazo de tres meses, se encargará unha delimitación topográfica da zona que sirva como base técnica para continuar traballando no proceso de deslinde na contorna do Miliario. A partir dese documento, representantes de ambos concellos e as comunidades de montes correspondentes realizarán unha comprobación in situ para analizar os datos recollidos e continuar co proceso de negociación.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, sinalou durante a reunión que “dende o Concello de Mos sempre imos respectar os argumentos e a postura das comunidades de montes implicadas, que ao final son as propietarias dos terreos”. Neste sentido, subliñou que o obxectivo é avanzar nunha solución baseada en criterios técnicos e no diálogo entre as partes.

Dende o Concello de Mos sublíñase o valor histórico deste elemento, datado no século II d.C. e vinculado á Vía XIX que unía Braga con Astorga pasando por Lugo. O Miliario foi erguido durante o mandato do emperador Traxano e constitúe un dos elementos patrimoniais máis relevantes do municipio, ademais de situarse no trazado do Camiño Portugués a Santiago de Compostela.

Actualmente, o Miliario é un ben patrimonial catalogado polo Concello de Mos. O elemento figura rexistrado no Inventario de Bens Municipais desde o ano 1993 e está incluído tamén no Catálogo de Bens e Elementos a Protexer do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) aprobado o 18 de xaneiro de 2017. Ademais, segundo consta no Catálogo do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, o Miliario de Santiaguiño de Antas aparece identificado coa referencia GA36033001 dentro do termo municipal de Mos, na parroquia de Guizán.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.