Mos | O Concello de Mos participou na reunión telemática convocada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, cos alcaldes e alcaldesas da provincia, destinada a reforzar a coordinación fronte á vaga de incendios forestais que está a afectar a Galicia este mes de agosto. Na reunión estivo acompañado polo xefe do servizo de Prevención de Incendios Forestais, Manuel Francisco Gutiérrez.
A Xunta solicitou aos alcaldes que extremen a vixilancia en zonas de especial sensibilidade, como áreas de interface urbano-forestal, espazos protexidos ou lugares con elevada carga vexetal. Tamén se lles pediu que revisen o estado das faixas secundarias e que informen aos veciños da importancia de manter estes espazos libres de biomasa.
Así mesmo, instouse aos concellos a dispoñer dos seus medios humanos e materiais preparados para ser activados en caso de emerxencia, revisar os puntos de auga municipais e constituír as brigadas municipais previstas nos convenios, se aínda non o fixeron.
Finalmente, lembróuselles a importancia de dar aviso inmediato ao 085 ante calquera incendio e de seguir colaborando co operativo da Xunta, tal e como veñen facendo habitualmente. Ata o momento, o Concello de Mos ten contribuído de forma activa á loita contra o lume, mobilizando efectivos do retén de garda municipal e poñendo a disposición da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) os medios necesarios en cada momento. Grazas a esta colaboración, persoal e recursos municipais participaron en distintas actuacións en puntos de Ourense como Monterrei, A Rúa ou Carballeda de Avia, sumando esforzos con outras administracións e corpos de emerxencia.
Na reunión destacouse a importancia de manter a cooperación institucional, e o Concello de Mos garantiu a súa plena dispoñibilidade para continuar colaborando en todas aquelas intervencións que sexan necesarias, reafirmando así o seu compromiso coa protección do territorio, coa seguridade da cidadanía e coa coordinación entre administracións. Estas accións engádense ás iniciativas privadas de veciños como Carlos Domínguez, director da Escola de Equitación San Cosme, que puxo a disposición pública 30 cuadras no Club Hípico Alazán como refuxio para cabalos, ofrecendo alimentación e coidados necesarios ás persoas que o precisen nestes momentos difíciles.
Tolerancia cero
Na xuntanza, Reguera subliñou que moitos dos lumes que se están producindo son claramente intencionados e que “quen pon en perigo vidas humanas e fogares atopará sempre a tolerancia cero por parte da Xunta, coa esixencia de que todo o peso da lei caia sobre eles”. Tamén indicou que “estamos ante unha situación excepcional, que obriga a dar prioridade absoluta á defensa das persoas e das vivendas naqueles lugares onde os incendios están a avanzar con especial violencia”.
Así mesmo, o delegado lembrou que, pese a que ata agora “na provincia de Pontevedra conseguimos controlar os lumes ocasionados e non se está a vivir unha situación tan complicada como a que se vive noutras provincias, é importante manter activa a coordinación e as vías de contacto para poder facer fronte ás posibles ameazas que se presenten nas próximas semanas”. Pola súa banda, o xefe do servizo de Prevención de Incendios Forestais explicou que desde o 1 de agosto rexistráronse 492 incendios en Galicia, uns 370 máis que no mesmo período do ano pasado. Só na xornada do domingo chegaron a declararse preto de 30 novos lumes en toda a comunidade, a maiores dos que xa estaban activos.
Para facer fronte a esta situación, a Xunta despregou o maior operativo da súa historia, composto por máis de 5.000 profesionais do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, aos que se suman máis de 200 bombeiros, GES e Protección Civil, 545 efectivos de brigadas municipais, 580 motobombas, 56 buldócer, 10 batracios e 52 medios aéreos, ademais de persoal da Policía Autonómica, da UME e das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
O Porriño actúa coa CECOPI
O Concello do Porriño leva varios días mobilizando recursos humanos e materiais municipais para colaborar na loita contra os incendios forestais que están a afectar diferentes zonas da provincia de Ourense. O operativo do Porriño está presente en varias zonas afectadas polos lumes, entre elas a contorna do Concello de Melón, traballando en coordinación cos equipos locais e contribuíndo ás tarefas de control e extinción dos incendios.
Os nosos efectivos están a actuar tamén en coordinación co CECOPI (Centro de Coordinación Operativa Integrado), unha instancia que se activa en situacións de emerxencia de interese supraautonómico e que integra os mandos das administracións estatal e autonómica para garantir unha resposta conxunta, eficaz e coordinada ante este tipo de crises. Ata o de agora, desprazáronse ás áreas afectadas catro membros do persoal municipal —un operario e tres axentes da Policía Local—, así como dous voluntarios de Protección Civil. Ademais, puxéronse a disposición vehículos e camións municipais, co obxectivo de apoiar os labores de extinción e protección dos núcleos de poboación. Esta colaboración realízase en coordinación coa Xunta de Galicia e en contacto directo cos alcaldes e alcaldesas dos concellos afectados, aos que se lles está a ofrecer apoio constante.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, afirma: “Estamos totalmente comprometidos coa defensa do noso territorio e coa solidariedade cos concellos afectados por estes incendios. Desde o primeiro momento puxemos a disposición todos os recursos municipais para colaborar na extinción e protección das zonas afectadas. Seguiremos a disposición de calquera concello da provincia de Ourense que precise a nosa axuda, dentro da nosa dispoñibilidade e en coordinación co CECOPI e coa Xunta.” Desde o Concello do Porriño reiteramos a nosa disposición a continuar colaborando con calquera concello que precise a nosa axuda e se poña en contacto.