Aldea Global | A alcaldesa do Concello de Mos, Nidia Arévalo, acompañada das concelleiras Sara Cebreiro e Julia Loureiro, viaxou hoxe á cidade de Pezinok, en Eslovaquia, nunha viaxe institucional cun obxectivo claro: avanzar no irmandamento oficial entre ámbolos municipios.
Durante a estadía, o Concello de Mos e o de Pezinok, representado polo seu alcalde Roman Mács, asinaron un Memorando de Colaboración e Cooperación Mutua, que recolle a vontade de establecer un marco de cooperación permanente e multidisciplinar. Este acordo supón un paso previo formal cara ao irmandamento, que será sometido á súa aprobación definitiva no Pleno do Concello de Mos.
A alcaldesa Nidia Arévalo expresou o seu agradecemento pola acollida e hospitalidade recibida e destacou a conexión entre Mos e Pezinok, dúas cidades que, a pesar da súa distancia xeográfica, comparten valores, intereses e retos comúns. A presenza do Grupo Copo, con actividade industrial en ambos territorios, foi sinalada como símbolo desa unión e da capacidade de colaboración internacional.
Dous pobos cunha mesma visión
Na súa intervención, Arévalo presentou ao municipio de Mos como un concello dinámico de máis de 15.000 habitantes, con fondas raíces culturais e patrimoniais, onde destacan espazos emblemáticos como o Castro de Torroso, o Pazo dos Marqueses de Mos ou a tradición dos muíños. Tamén destacou a Festa da Rosa, declarada de Interese Turístico de Galicia, como exemplo de identidade local.
A rexedora fixo tamén referencia aos proxectos de vangarda impulsados dende Mos, como a Cidade Deportiva Afouteza e a Factoría do Deporte Galego (Galicia Sports 360), que posicionan ao municipio como un referente en deporte, innovación e cohesión social.
O memorando asinado recolle o compromiso de ambas partes para cooperar en:
Deseño e execución de proxectos europeos conxuntos.
Intercambio cultural, deportivo e educativo entre entidades locais.
Promoción do turismo sostible e da tradición vitivinícola compartida.
Apoio á cooperación empresarial e ao desenvolvemento económico.
Intercambio de boas prácticas en gobernanza e servizos públicos.
Presenza no Harvest Festival de Pezinok
A sinatura do memorando enmarcouse dentro do Harvest Festival (Festa da Vendima), un dos eventos máis destacados da cidade eslovaca, no que a delegación mosense participou de maneira activa.
O programa das celebracións é o seguinte:
Venres 19 de setembro:
Firma do memorando do irmandamento e acto de apertura co tradicional primeiro grolo de viño no Castelo de Pezinok e banquete oficial.
Sábado 20 de setembro: visita guiada á cidade para coñecer a súa oferta cultural e gastronómica.
Domingo 21 de setembro: participación no desfile alegórico polas rúas da cidade xunto ao alcalde Roman Mács e recepción oficial.
Cara a un irmandamento con futuro
Este acordo institucional será a base do procedemento de irmandamento oficial, que será aprobado no próximo pleno seguindo o procedemento que indica a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para levar a cabo este trámite.
A alcaldesa tamén trasladou unha invitación formal ao alcalde de Pezinok a visitar Mos na próxima Festa da Rosa, como parte do compromiso mutuo de coñecemento e cooperación duradeira. “Este memorando é o inicio dunha amizade institucional que se consolidará co irmandamento. Mos e Pezinok, aínda distantes no mapa, están unidas por valores comúns como o traballo, a innovación e a comunidade”, afirmou Nidia Arévalo.
Con esta viaxe, o Concello de Mos reafirma a súa aposta pola proxección internacional, a colaboración entre pobos e o fortalecemento da identidade local a través de alianzas que suman.
Visita á fábrica do Grupo Copo en Pezinok
A alcaldesa aproveitou tamén a viaxe institucional para visitar, na tarde do venres, a planta de produción do Grupo Copo en Pezinok, onde puido coñecer de primeira man a actividade dunha das empresas con sede en Mos e con importante proxección internacional.
Jordi Sánchez, xerente da planta de Grupo Copo en Pezinok, exerceu de anfitrión nesta visita. Nidia Arévalo destacou o valor engadido que supón para Mos “contar cun tecido empresarial con proxección global e capacidade para tender pontes entre territorios”.