Mos busca evitar a fuga das súas empresas cara Portugal

Ante o incremento dun 1.200 % nos prezos de canon por uso dos terreos

Mos | Firmas como Dalot, Ralotrans, PMA Nutrigas, Termojet, Autocares García, Blanco Quintas, Neumáticos Berbés, Grupo Copo, Locatel, Integral Data, ante o incremento de ata un 1.200 % nos prezos de canon por uso dos terreos por parte da CXMM de Tameiga, xa barallan a súa presenza no país veciño.

O concello de Mos tiña rexistrada no inventario municipal esta parcela dende o ano 1952 e no Rexistro da Propiedade dende o ano 1955, xestionado a mesma sempre coa premisa de lograr o crecemento e desenvolvemento económico do municipio, facilitando a implantación de empresas que xeraran empregos e oportunidades para os veciños e veciñas de Mos.

A comunidade de montes de Tameiga instou ante o xurado provincial de Montes ó recoñecemento de monte Faquiña como terreno veciñal pero esta petición foi desestimada polo Xurado. Sendo ademáis esta decisión parcialmente confirmada polo TSJ de Galicia no ano 1992 ó confirmar a falta de aproveitamento veciñal en toda a superficie de Montefaquiña ocupada por empresas.

“A comunidade de montes de Tameiga instou ante o xurado provincial de Montes ó recoñecemento de monte Faquiña como terreno veciñal pero esta petición foi desestimada polo Xurado”

É no ano 2015 tras demanda civil reclamando a titularidade dos terreos que a xustiza estima a solicitude e declara a propiedade por parte da comunidade de montes de Tameiga.
Tralo recoñecemento da súa titularidade, ésta se subroga na posición do Concello, se ben agora a pretensión da Comunidade é establecer un criterio distinto no cálculo do canon a estas empresas que supón incrementar nun 1.200 % o que tiñan.

E ademais aínda que, a proposta inicial foi establecer este criterio con carácter anual, o acordo final da Comunidade fixouse nunha vixencia mensual, argumentando o incremento co prezo de mercado.

A vontade das empresas foi sempre aceptar un incremento proporcionado e razoable pero coa proposta da Comunidade de Monstes que postula unhas condicións innegociables moitas sopesan a deslocalización en novos emprazamentos en polígonos do norte de Portugal.

As empresas situadas na actualidade na área industrial de Monte Faquiña alcanzaron xeran emprego de maneira directa a 800 persoas. O seu peso na economía do sur da provincia de Pontevedra foi sempre moi significativa, pero ameaza con producirse unha fuga total de empresas cara a Portuga.

Ferida aberta
A Alcaldesa de Mos quere poñer freo a esta situación, e evitar unha ferida aínda máis profunda ás pemes e ao Concello, que sempre creron no tecido empresarial como fonte de riqueza e desenvolvemento socioeconómico do territorio, tanto pola propia xeración da actividade empresarial como polas melloras implantadas desde as empresas, que repercuten en beneficio dos veciños.

Desde o Concello de Mos, a súa alcaldesa, Nidia Arévalo, incide na necesidade de coidar de toda a industria mosense, evitando que, “as pemes e empresas de Monte Faquiña sufran de maneira especial o incremento dos canons marcados”.

“Desde o Concello de Mos, a súa alcaldesa, Nidia Arévalo, incide na necesidade de coidar de toda a industria mosense”

Por iso, convoca a representantes das empresas afectadas, á Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS) e portavoces da Corporación Local a unha reunión de traballo, o próximo 15 de setembro de 2021, ás 19.00 horas, nas instalacións da Axencia Local de Colocación, situada en Avda. de Peinador, 39 MOS, co ánimo de buscar solucións e xestionar correctamente os apoios ao mantemento destas empresas, sobre todo tendo en conta que, “canta máis industria se desprace alí, máis pemes verán en Portugal un paraíso empresarial”.

A alcaldesa Nidia Arévalo (dereita) convocou a unha xuntanza de traballo cos representantes das empresas afectadas, á Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS) e portavoces da Corporación Local.

“Mos non pode perder capacidade produtiva e para iso debemos ser cada vez máis competitivos e intentar demostrar que convén seguir apostando por Mos como territorio de oportunidades”, considerou a alcaldesa.

“Desde o Concello esforzarémonos para canalizar cooperacións e colaboracións, pero sempre pensando na defensa e promoción da industria mosense. Témolo moi claro”, conclúe Arévalo.