Mos | O Concello de Mos continúa a amosar unha evolución moi positiva no mercado laboral, segundo os últimos datos publicados polo Observatorio das Ocupacións do SEPE.
En xuño de 2025 rexistráronse un total de 720 novos contratos, o que supuxo un incremento do 22,66 % respecto ao mes anterior e un 15,38 % máis que en xuño de 2024. Este aumento superou amplamente a media provincial, autonómica e estatal, demostrando que Mos se está a converter nun motor de dinamismo económico na comarca.
En xullo de 2025, pese ao lixeiro axuste estacional con 697 novos contratos (-3,19 % respecto a xuño), a evolución interanual mantén un ton sólido, cun nivel de contratación moi próximo ao máximo anual e cun forte impulso no emprego xuvenil (16-24 anos), que medrou un 25 % en relación a xullo de 2024, sumando 205 novos contratos neste tramo de idade. Tamén se incrementou a contratación das persoas sen estudos acreditados (+42,42 % interanual) e de quen posúe bacharelato (+6,38 %), amosando unha diversificación do perfil laboral demandado.
O descenso do paro segue a ser un indicador claro da boa marcha da economía local: en xuño o número de persoas desempregadas situouse en 595, a cifra máis baixa da última década. En xullo, aínda que o dato subiu lixeiramente ata 615 persoas (+3,36 % mensual), a comparación interanual segue sendo moi positiva, cun 10,09 % menos de paro que en xullo de 2024. Destaca especialmente a redución do desemprego xuvenil, que cae un 48,39 % en termos interanuais.
A contratación indefinida mantén un peso significativo (189 contratos en xuño e 143 en xullo), e o sector servizos continúa liderando a creación de emprego cun 85,65 % dos contratos, seguido pola industria (11,33 %), o que reflicte un tecido produtivo robusto e diversificado.
Dende o Concello de Mos valóranse estes datos como unha mostra das súas políticas activas nesta materia, tanto no Obradoiro de Emprego como no seu Plan Integrado de Emprego, ademais da colaboración co tecido empresarial, os axentes sociais e as administracións públicas. O compromiso co emprego de calidade, a formación e a igualdade de oportunidades segue a ser unha prioridade estratéxica.