Mos aposta pola eficiencia enerxética no seu alumeado público

Cun novo plan de iluminación exterior sostible

 

Mos | A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro mosense de Alumeado e Eficiencia Enerxética, Gonzalo Alonso Táboas, informaron hoxe da vindeira execución dun proxecto de iluminación exterior sostible led financiado ao 80% con fondos FEDER. Xa se atopa adxudicada a empresa que realizará os traballos de substitución das lámpadas de alumeado público por luminarias led.

Os lugares do municipio que se beneficiarán da devandita mellora son a Avenida de Sanguiñeda, a Avenida de Puxeiros, a Rúa Ludeiro e a Rúa Brea. Para elo o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) concedeulle ao Concello de Mos unha axuda do 80% de fondos FEDER, cun 15% de aportación da Deputación de Pontevedra e un 5% de fondos propios da administración local mosense.

O orzamento total a investir neste proxecto que permitirá a substitución dos puntos de luz existentes nas actuáis luminarias por luminarias led máis eficientes, ascende a 44.378,72 euros.

Deste xeito desde o Concello de Mos preténdese “a transición ecolóxica cara a un modelo máis sostible que garanta o medio natural e o medio ambiente para futuras xeracións dándolle un pulo ao uso eficiente das enerxías limpas, á protección contra a contaminación lumínica e á reducción das emisións de CO2”, tal e como esta mañá declaraban os representantes municipais Arévalo e Alonso.

O obxectivo é actuar en 101 luminarias para diminuír a potencia de 11,86kW a 6,53kW, supoñendo un aforro enerxético do 45%.

Actuando sobre estes máis de 100 puntos de luz lograrase a reducción do consumo de enerxía da instalación reformada e para elo é preciso a substitución das lámpadas actuáis por outras máis eficientes e de menor potencia de tecnoloxía led, substitución de luminarias por outras con maior rendemento, substitución de balastros electromagnéticos por electrónicos, instalación de reloxos astronómicos como sistema de control da iluminación en horarios nocturnos, e instalación de sistemas de regulación de fluxo luminoso mediante pre programación da luminaria.

Deste xeito o Concello de Mos continúa a apostar pola eficiencia enerxética de cara a manter un medio ambiente urbano sostible, tal e como ven demostrando desde fai anos e especialmente coa adhesión ao Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía. No verán de 2019 o Concello de Mos aprobou por unanimidade en Pleno a adhesión ao Pacto e, desde entón, púxose en marcha a redacción do proxecto mosense, a folla de ruta a seguir nos próximos anos respecto do Pacto. O primeiro paso foi a elaboración por parte do Concello de Mos do PACES, unha memorial anual do consumo enerxético dos edificios municipais e do alumeado público. Documento que se xa se atopa elaborado e aprobado tamén en Pleno o pasado mes de novembro.

Para a redacción do PACES a administración local mosense contou cunha subvención concedida por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, e dentro do programa de axudas a entidades locais asinantes do Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía Sostible, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.