Mos acolle 9 cativos saharauís dentro do programa Vacacións en Paz

Estarán con diferentes familias do municipio

Mos | Hoxe recibiuse no Concello de Mos aos 9 nenos e nenas saharauís que pasan as súas Vacacións en Paz en Mos. Trátase de Sara, Galia, Jadiya, Salca, Salaca, Mulay, Muna, Salem e Marua, que gozan do verán con familias mosenses de acollida das parroquias de Louredo, Dornelas, Pereiras, Cela, Guizán e Mos.

Foron recibidos pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira mosense de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, e demais membros da Corpoción Municipal.

Despois de dous anos sen poder levar a cabo o programa de acollida de nenos saharauis, VACACIÓNS EN PAZ, debido a pandemia; por fin se retoma e os nenos e nenas saharauís puideron vir este ano a pasar os meses de verán a Galicia en xeral e a Mos en particular.

Os cativos asentados en Mos durante o verán poderán gozar do Campamento Municipal Infantil ‘Mañás de Verán’ así como saídas á piscina ao aire libre de San Eleuterio, entre outras iniciativas organizadas polo Concello.

O Concello de Mos participa no programa Vacacións en Paz organizado pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí desde fai moitos anos.

“Fai moita falla que poidan saír dos campamentos o maior número de nenos posibles, xa que están a pasar por momentos moi duros, con moita falla de axuda humanitaria. Coa acollida as familias poderán darlles unha alternativa para evitar a súa estancia nos Campamentos durante os meses de xullo e agosto, por teren as temperaturas máis altas (máis de 50ºC), facilitar a asistencia sanitaria e de alimentación, e promover os valores de solidariedade entre o Pobo Galego e o Pobo Saharauí”, declarou a este respecto a concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro.

É xa histórica a estadía dos/as nenos/as saharauis que pasan a tempada estival no municipio de Mos grazas ao programa Vacacións en Paz promovido pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí.

Desde sempre, e igualmente este ano como non podía ser doutro xeito, os cativos saharauis poden participar ao longo de todo o verán en iniciativas organizadas pola administración local como o campamento infantil estival Mañás de Verán, así como coñecer a piscina ao aire libre de San Eleuterio, acudir a festividades e actividades municipais, deportivas, etc.

Asistencia médica
Un dos principais obxectivos do programa Vacacións en Paz é a asistencia médica dos nenos e nenas saharauis que veñen en acollida durante o verán. Existe un convenio co Sergas polo cal os cativos saharauis recén chegados poden beneficiarse de todo tipo de revisións médicas e se lles poñen as vacinas necesarias e correspondentes ás súas respectivas idades.

Facilitar a atención sanitaria a estes nenos e nenas que non poden acceder á mesma no seu país de orixe é, sen dúbida, unha das finalidades máis importantes desta iniciativa solidaria.

Unha causa solidaria que trae sorrisos a nenos e nenas que o necesitan.

Roi Casal en concerto a Herville
O Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, presentou hoxe en Mos, na Virxe das Neves de Herville, o concerto de Roi Casal, Son Galego, Son Cubano, que a Xunta de Galicia financia a través da consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Na presentación o Secretario Xeral estivo acompañado pola alcaldesa, Nidia Arévalo, a concelleira de Cultura e Turismo, Sara Cebreiro, e membros da Comisión de Festas da Virxe das Neves de Herville que mañá celebra o seu día grande.

O concerto terá lugar, con entrada libre e totalmente de balde, en Herville o vindeiro sábado, 6 de agosto, ás 23.30 horas da noite. Son galego, Son cubano é o gran espectáculo musical entre Cuba e Galicia. Xurde como proposta do Instituto Cubano da Música a Roi Casal, tras recibir o artista galego o Premio Internacional Cubadisco
2014 na illa caribeña.

Durante os dous anos seguintes, Roi Casal traballou conxuntamente con Neira Vilas, un dos escritores galegos máis importantes de todos os tempos, na concepción e elaboración deste proxecto internacional.

No disco, grabado na Habana en Marzo de 2016, participaron os algúns dos mellores músicos cubanos como Pablo Milanés, Laritza Bacallao, Miguel Núñez, Osmani Sánchez, Jorge Jorge Leliebre, César López… e da parte galega, figuras destacadas como Nando Casal (Milladoiro) ou Carlos Calviño.

A xira estreouse con dous concertos antolóxicos no Gran Teatro de La Habana en doble función os dias 27 e 28 de Maio, coas máis de 3.000 localidades esgotadas nas duas funcións.

Actualmente atópase de xira en Europa, cunha banda excepcional de músicos de Cuba e Galicia, no que é considerado o maior espectáculo entre a península e o Caribe.