Monográfico sobre Isaac Díaz Pardo nos Cadernos “Unión Libre”

Homenaxe ao intelectual agasallado co Día das Artes Galegas

Sada | A revista dixital anual Unión Libre. Cadernos de vida e culturas, coordinada polos escritores e profesores lucenses Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, dedica o seu número 30 a un monográfico sobre o gran intelectual, multiartista e empresario cultural Isaac Díaz Pardo, fundador das Cerámicas do Castro e de Sargadelos, a quen este ano se lle dedicou o Día das Artes Galegas.

Neste monográfico, artisticamente deseñado por Mariña Rodríguez Blanco e profusamente ilustrado, mesmo con fotografías inéditas, inclúese a correspondencia completa que Isaac Díaz Pardo dirixiu a Carmen Blanco e a Claudio Rodríguez Fer, centrada nos numerosos proxectos culturais e memorialistas que os tres compartiron durante décadas.

Carmen Blanco ofrece neste número diversos ensaios e poemas inspirados pola actividade artística e polo labor memorialista de Isaac Díaz Pardo, como, respectivamente “Afroditas no frío para lenzos libertarios: os nus integrais de Isaac Díaz Pardo” e “O home da memoria amorosa”, que remata dicindo “Ergueu con amor os monumentos da memoria das defensoras e dos defensores da liberdade para que non os esquezamos nunca. / Non esqueceu nada nunca. / Non o esqueceremos nunca”.

Pola súa parte, Claudio Rodríguez Fer publica neste monográfico o ensaio “Tradición, vangarda e compromiso. Os carteis de cego de Isaac Díaz Pardo” e o poema “Compañeiro ancestral Isaac Díaz Pardo”, onde se repasa toda a traxectoria do homenaxeado para rematar cos versos “Escríboche como ti nos escribías, / dispostos sempre a comezar. / Porque se algo é mentira, compañeiros, / é que morreu Isaac”.

Tal monográfico pode verse ou descargarse completo libremente en pdf no enlace: https://unionlibre.org/artigos/Isaac%20Díaz%20Pardo.pdf

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.