Mondariz solicita a Mondariz-Balneario que aclare os custos da EDAR

Rexeita pagar a cegas unhas cantidades a simple vista "desproporcionadas"

Mondariz | O Concello de Mondariz pasou de pagar uns 14.000 € en 2018 a uns 60.000 € en 2020 polo tratamento de augas residuais que se realiza na EDAR de Mondariz-Balneario, cando esta infraestrutura pensada e construída para 6.000 habitantes tan só dá servizo a 2.500 veciños e veciñas, e apenas 500 de Mondariz

O Goberno municipal de Mondariz rexeita pagar a cegas unhas cantidades a simple vista desproporcionadas e demanda a Mondariz-Balneario aclaracións precisas sobre os custos do tratamento de augas residuais que se realiza na EDAR

O Concello de Mondariz envioulle ao Concello de Mondariz-Balneario este luns un terceiro requerimento de información sobre os importes relacionados co servizo de tratamento de augas residuais que se realiza na EDAR. “Como se explica que en 2018 se pagaran uns 14.000 € e en 2020 uns 60.000 €?

Nos últimos anos, vénselle atribuíndo a Mondariz un incremento de volume de caudal inxustificado. En maio e setembro do ano pasado xa solicitamos formalmente unha aclaración ao respecto pero non tivemos resposta de Mondariz-Balneario”, explica Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.

O Goberno municipal de Mondariz non oculta que teña pendente realizar o pagamento correspondente por estes servizos. “No orzamento municipal de 2021 había unha partida para esta finalidade, pero non se executou o pagamento pola falta de aclaración. Hai vontade de pagar, pero non estamos dispostos a pagar a cegas, sen unha xustificación do que se está pagando. Se todo está en orde, por que non se aclaran os importes? Non é razoable”, comenta Barros.

Nos seus escritos dirixidos ao Concello de Mondariz-Balneario, o Goberno municipal de Mondariz solicita información precisa sobre o incremento de volume de caudal atribuído a Mondariz a partir de 2019, xa que foron manifestamente superiores aos comunicados en anos previos.

Tamén demanda certificacións da calibración do caudalímetro empregado para a lectura do caudal vertido e outros datos que poidan xustificar a aportación económica que se lle exixe ao Concello de Mondariz e que está por enriba dos compromisos do convenio de colaboración asinado en 2005 para o sostemento conxunto da gardería infantil, do punto limpo e da depuración de augas residuais.

Mondariz segue sen ter acceso á EDAR
A falta de transparencia na xestión económica da EDAR súmase a outro problema que leva anos enquistado: Mondariz segue sen recibir autorización para conectar o seu colector xeral de augas residuais e, pasados 15 anos da construción da nova EDAR, tan só 500 veciños e veciñas teñen acceso a este servizo.

A falta de conexión do colector xeral á EDAR condiciona gravemente o desenvolvemento da rede municipal de saneamento que demandan os veciños e as veciñas de Mondariz, así como o control das verteduras ao río Tea, que depende dunhas infraestruturas obsoletas.

En maio do ano pasado, desde a Alcaldía xa se levou ao Pleno da Corporación Municipal unha proposta de acordo na que se instaba a Mondariz-Balneario a solicitar unha revisión da autorización de vertedura até acadar a capacidade máxima da instalación (o equivalente a 6.000 habitantes), a autorizar a conexión do colector xeral construído no ano 2015 na marxe dereita do río Tea, a tramitar a redacción urxente dun estudo técnico independente que determine a orixe das filtracións de augas limpas nas redes de saneamento dos dous concellos, e a convocar unha reunión da comisión de seguimento do convenio de colaboración para o sostemento conxunto dos servizos de gardería infantil, punto limpo e depuración de augas residuais.

A pesar de que esta proposta da Alcaldía buscaba reforzar a posición do Goberno municipal nun asunto de interese municipal que afecta a toda a veciñanza de Mondariz e debería quedar á marxe de intereses políticos partidistas, tanto Alternativa por Mondariz como o Partido Popular votaron en contra de reclamar a conexión á EDAR de Mondariz-Balneario.

“O Goberno municipal xa trasladara estas reclamacións formalmente ao Concello de Mondariz-Balneario a través de escritos que non tiveron resposta. Solicitamos a convocatoria dunha reunión da comisión de seguimento do convenio de colaboración en varias ocasións”, explicou Barros.

“Non se pode tolerar que os acordos establecidos nese convenio de 2005 sexan modificados de xeito unilateral e sistematico por parte de Mondariz-Balneario, cando é precisamente Mondariz o concello que está a sustentar economicamente boa parte dos custos do servizo de depuración de augas”, indicou Barros.

Desde hai tempo, informes de entidades como Augas de Galicia e Confereración Hidrográfica do Miño-Sil confirman que nas verteduras á EDAR hai grandes volúmenes de augas limpas que afectan ao proceso de depuración. “O que se nos recomenda é controlar a entrada de augas limpas para optimizar o funcionamento da EDAR.

Mondariz mellorou substancialmente estas filtracións, pero Mondariz-Balneario non fixo nada ao respecto e segue vertendo grandes cantidades de augas limpas de xeito innecesario”.

“Diante deste problema non podemos agochar a cabeza, ignorar a situación e agardar máis tempo porque o río Tea está a sufrir as consecuencias. Pola nosa banda, seguiremos presionando para exixir o cumprimento do convenio de colaboración asinado en 2005”, conclúe Barros.