Mondariz porá en marcha un servizo municipal de baleirado de pozos negros e fosas sépticas

A partir do mes de outubro

Mondariz | O Concello de Mondariz ten previsto pór en marcha en outubro un novo servizo municipal de baleirado de pozos negros e fosas sépticas, despois da aprobación da ordenanza fiscal reguladora correspondente na última sesión ordinaria do Pleno da Corporación Municipal.

“Á vista de que a situación da EDAR (Estación Depuradora de Augas Residuais, situada en Mondariz-Balneario) impide desenvolver a rede municipal de saneamento con garantías, optamos por facilitar o baleirado de pozos negros e fosas sépticas naquelas parroquias que non dispoñen de rede de sumidoiros para fomentar a equidade entre a veciñanza e asegurar que as augas residuais non acaban en lugares inadecuados, como o río”, comenta Leopoldo Tato, concelleiro de Medio Ambiente.

As persoas titulares de pozos negros e fosas sépticas do Concello de Mondariz que desexen facer uso deste novo servizo municipal deberán presentar unha solicitude diante desta administración local. As augas vertidas ao pozo negro ou á fosa séptica deberán ser de natureza doméstica ou de centros socioculturais, casas de turismo rural ou establecementos de hostalaría situados en parroquias ou barrios sen saneamento.

A tarifa do servizo será de 65 euros por baleirado, unha cantidade similar á que deben aboar os veciños e as veciñas que si están cubertos pola rede municipal de saneamento.

Para prestar este novo servizo de baleirado de pozos negros e fosas sépticas, o Concello de Mondariz contará coa plantilla municipal de operarios e cun tractor-cisterna adquirido recentemente a través do Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra.

“Investimos nunha cisterna para estes traballos de baleirado de pozos negros e fosas sépticas, pero tamén para realizar limpezas das vías públicas mediante baldeados e para dar apoio á extinción de incendios, en caso necesario”, comenta o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros.