Mondariz avanza no seu plan municipal de abastecemento autónomo

Convocatoria de reunións sobre as traídas de auga veciñais

Mondariz | O plan municipal de abastecemento autónomo que se está desenvolvendo no Concello de Mondariz completará este mes a súa segunda fase, coa convocatoria de reunións coas traídas de auga veciñais para informar sobre as propostas de mellora.

O día 26 de outubro, as directivas das 16 traídas de auga veciñais que participan no proxecto serán informadas das actuacións propostas polo persoal técnico que realizou os traballos previos de inventario e estudo.

O Concello de Mondariz é un dos seis concellos que foron seleccionados o ano pasado para participar no proxecto de plans municipais de abastecemento autónomo, promovido pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia. Entre as expresións de interese recibidas para participar nesta iniciativa, Augas de Galicia analizou as propostas e seleccionou os concellos máis adecuados e comprometidos para o desenvolvemento destes plans.

O plan municipal de abastecemento autónomo foi presentado nun acto público coas traídas de augas veciñais en outubro de 2021. Naquel evento, que congregou a decenas de persoas vinculadas ás traídas de auga veciñais do concello, puxéronse de manifesto as principais preocupacións compartidas: a calidade e a cantidade de auga, así como o estado das instalacións e súa xestión no que respecta a mantemento e custos.

A primeira fase consistiu en realizar un inventario dos sistemas, con visitas técnicas para inspeccionar os distintos elementos das traídas, recompilar datos e elaborar planos, e unha análise da calidade das augas, con informes técnico-sanitarios de avaliación do estado de cada un dos sistemas.

A segunda fase, que é o momento actual deste conxunto de traballos, implica elaborar propostas de mellora para cada traída, así como valorar economica e comparativamente as propostas realizadas para cada sistema. O obxectivo último é crear un documento final no que se expoñan os traballos feitos e poida servir de guía para establecer prioridades de actuación no termo municipal.

“Este Goberno municipal está moi comprometido coa mellora dos servizos máis básicos, e o abastecemento de auga é un deles. Promovemos o abastecemento autónomo porque consideramos que é o modelo de xestión máis eficiente. Por iso aproveitamos esta oportunidade de avaliar a situación que supuña participar no proxecto de plans municipais de abastecemento autónomo”, declara o alcalde, Xosé Emilio Barros.

Paralelamente, o Goberno de Mondariz prevé iniciar antes de final de ano un estudo semellante das redes do servizo municipalizado de abastecemento de auga que está subvencionado nun 80% por Augas de Galicia e se atopa na fase previa á licitación.