Mondariz aposta pola mobilidade urbana e a recuperación de espazos públicos

A través da Rede Ágora e cunha subvención de 50.000€

Mondariz | O Concello de Mondariz, que foi o quinto solicitante mellor valorado do grupo de concellos correspondente ao eixe 1, ten concedida unha subvención de 50.000 €

Como concello da Rede Ágora, promovida e coordinada pola Deputación de Pontevedra a través da súa área de Mobilidade Alternativa e Espazos Públicos Urbanos, o Concello de Mondariz vén de recibir unha subvención de 50.000 € para a redacción dun proxecto de mobilidade amable e recuperación de espazos públicos no seu centro urbano.

Ágora é unha rede de acción institucional a prol de considerar e valorizar o espazo público como un dereito fundamental da cidadanía. No seu decálogo de principios considera que o espazo público é un dereito e que as persoas son aa prioridade; ademais, apoia a mobilidade inclusiva, a autonomía infantil, as mobilidades alternativas, os espazos seguros, o hábitat saudable, os espazos amables e de calidade, a actividade económica de proximidade, e a mobilidade sustentable.

O Concello de Mondariz foi un dos primeiros concellos da provincia que se adheriu a esta iniciativa da Deputación de Pontevedra a finais de 2020.

Desde entón, os seus representantes públicos teñen participado asiduamente nos seminarios de formación da Faculdade Ágora.

“O proxecto de mobilidade urbana e recuperación do espazo público aínda está por definir, pero afectará ao núcleo urbano de Mondariz e seguramente previrá actuacións graduais. A fase de redacción do proxecto é a primeira e unha das máis importantes, polo seu carácter estratéxico”, indica o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros.

Un dos obxectivos manifestos da Rede Ágora é que, en xuño de 2023, os concellos participantes (actualmente 50 dos 62 concellos da provincia) incrementen de forma substancial o espazo reservado para as persoas, con itinerarios peonís e ciclabeis.

“Somos conscientes de que as actuacións sobre o espazo público requiren de máximo consenso. Desde o Goberno municipal fomentaremos a transparencia informativa e a participación veciñal, como se vén facendo con outros asuntos de interese público”, afirma Barros.