Mondariz actualizará en 2024 as taxas e impostos municipais

O Concello anunciou que a débeda municipal é de case un millón de euros

Mondariz | A proposta do goberno municipal é actualizar as tarifas das taxas e dos impostos co fin de evitar o deterioro dos servizos prestados polo Concello, co obxecto último de poder antelos e viabilizar a súa prestación.

O alcalde, X. Carlos Montes Bugarín, manifestou que “o obxectivo prioritario é mellorar a calidade dos servizos públicos que presta o Concello”, que son claramente deficitarios. Mónica Vázquez, concelleira de Facenda, informou á corporación que “o incremento dos custes destes servizos acentuouse debido á inflación, o que provocou que se encarecese a prestación dos servizos públicos e a consecuente perda de calidade dos mesmos ao non aumentar as fontes coas que se veñen financiando”.

Na maioría dos casos, estes impostos e taxas levaban sen actualizar dende 2011 ou 2012, isto é, máis de 10 anos. Por iso propuxemos ao pleno a súa actualización coa variación do IPC destes últimos 10 anos, que sería como máximo un 17,7 %, tendo en conta que esta medida, en termos medios, vai ter un impacto asumible sobre a economía dos veciños e veciñas de Mondariz.

Para presentar esta proposta, a Concellería de Facenda elaborou un informe para estimar o impacto que tería esta actualización sobre a veciñanza. “En termos medios, o impacto acumulado sobre un veciño de renda media ao que se lle aplicasen conxuntamente as taxas a modificar, sería de menos de 50 euros máis ao ano do que viña pagando no 2022”.

Coa proposta que hoxe aprobou o pleno, un turismo A-1 que pagaba 16,30 € ao ano
pasará a pagar 19,18 €, e unha motocicleta F-2 que pagaba 5,70 € pasará a pagar 6,72 €. Un camión C-1 que pagaba 54,55 pagará 64,27 € e os tractores D-1, que pagaban 22,80 € pagarán agora 26,86 €.

Noutra orde de cousas, a taxa pola utilización da rede de sumidoiros dunha vivenda convencional pasa de 64,7 €/ano a 76,15 €, e o subministro de auga de ata 15m3 de 2,6 € a 3,06 €. Se falamos da taxa pola recollida de lixo, o servizo medio pasa de 40,25 € a 47,37 euros.

Na actualidade a prestación de servizos por parte do Concello estase facendo a cambio dun sobre custo que non é asumible a longo prazo, por iso se pretende reverter esta tendencia, harmonizando as taxas e impostos cos dos outros concellos da nosa comarca.

Case 1 millón de euros de débeda
A débeda actual do Concello de Mondariz é de 934.806,15 €, sendo a maior parte procedente de gasto corrente (863.535,58 €) e o restante, gasto de capital (71.270,57 €). Ao non dispoñer de crédito orzamentario para estes gastos, o Concello deberá proceder a un recoñecemento extraxudicial para pagar aos provedores. O Concello deberá proceder a un recoñecemento extraxudicial para pagar aos provedores. Esta situación provocou que algúns provedores ameazaran con deixar de prestar os servizos e mesmo nalgún caso que de cortasen o subministro, caso dunha empresa que prestaba o servizo de internet ao Concello. Con esta actualización fiscal e outras medidas de control de gasto o Goberno espera reverter esta situación para os vindeiros anos.