Mondariz achega o seu maior investimento público en iluminación LED

A licitación catro proxectos de aforro enerxético por valor de 1,5 M€

Mondariz | En conxunto, os catro proxectos de aforro e eficiencia enerxética chegan ao millón e medio de euros e representan o maior investimento público feito no Concello de Mondariz en décadas. Están cofinanciados nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e, unha vez executados, suporán un importante aforro do 70% na factura eléctrica municipal.

O primeiro dos catro proxectos do Concello de Mondariz para mudar a LED toda a rede municipal de alumeado público e aforrar até un 70% na factura eléctrica municipal xa está en proceso de licitación, e os tres restantes sairán a concurso público durante ese mes para cumprir cos prazos establecidos.

En conxunto, estes proxectos de aforro e eficiencia enerxética representan o maior investimento público feito no Concello de Mondariz en décadas: chegan ao millón e medio de euros, e terán un notable impacto na redución da factura eléctrica municipal e nos gastos de mantemento, xa que tamén inclúen a renovación de cadros eléctricos.

O proxecto en fase de licitación corresponde ás parroquias de Mouriscados, Meirol e Vilasobroso, e o seu importe total ascende a 324.219,98€. Como nos restantes proxectos relacionados co cambio a LED do alumeado público en todo o territorio municipal, o 80% está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) –272.540,78€, neste caso– e o 20% asúmese con fondos propios. O prazo máximo para entregar as obras executadas será o 31 de xullo de 2023.

Antes de final de mes está previsto que se liciten tamén os outros tres proxectos solicitados e concedidos para cambiar a LED o alumeado público das parroquias de Riofrío, Vilar e Frades (337.196,17€); Lougares, Sabaxáns e Gargamala (339.969,28€); e Mondariz (490.812,27€).

Enorme esforzo político-administrativo
Estes proxectos de aforro e eficiencia enerxética, xunto con outros dous para a rehabilitación de edificios públicos nesta mesma liña de acción, foron solicitados polo Concello de Mondariz en 2020, aproveitando as últimas oportunidades de cofinanciamento europeo do período 2014-2020.

Durante os primeiros meses de 2021 recibiron a aprobación do IDAE (Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía), organismo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que canaliza fondos europeos. A tramitación foi ardua en todas as etapas do proceso.

Unha vez aprobados os proxectos, o Goberno municipal tivo que asegurar o cofinanciamento con fondos propios do 20% a través dun préstamo bancario e axilizar as autorizacións sectoriais que eran necesarias para emprender as obras. “Houbo dificultades e atrasos administrativos nalgunhas autorizacións sectoriais, mais non desistimos porque estes proxectos son enorme importancia para o Concello de Mondariz”, comenta Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.

A principios de ano, o Goberno de Mondariz presentou no Pleno da Corporación Municipal a súa proposta para financiar o 20% dos proxectos a través dun préstamo bancario, e recibiu autorización para iniciar a tramitación desa vía de financiamento cos votos favorables de BNG, PSOE, PP e Ciudadanos.

Alternativa por Mondariz, o principal grupo de oposición, distanciouse unha vez máis do apoio explícito a este investimento municipal cunha abstención. De non ter buscado e acadado financiamento bancario, a opción que lle quedaba ao Concello de Mondariz para non renunciar a estes proxectos era acollerse á Liña 1 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, o cal deixaría outras áreas sen investimentos mínimos anuais. Finalmente, aseguráronse os investimentos cun préstamo bancario a 10 anos por importe de 281.532,59€.

“O aforro que supoñen estes proxectos na factura eléctrica municipal permitirá amortizar as obras rapidamente. Se fora outro tipo de proxecto teriamos máis dúbidas, pero neste caso solicitar un préstamo bancario para financiar a aportación municipal é a mellor opción. Non nos podemos permitir deixar de investir noutras áreas relacionadas cos servizos básicos, como as estradas ou a rede municipal de abastecemento de auga”, sinala Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.

Modernización integral dun servizo básico
Durante o mandato anterior xa se tramitara un proxecto de instalación de luminarias LED a través dun programa da Deputación de Pontevedra, que se atrasou na súa execución por problemas derivados da propia planificación do proxecto. Trátase da instalación de luminarias LED en 134 puntos de luz dos barrios de Lordelo e Aboal, na parroquia de Toutón, que non incluíu a renovación dos cadros eléctricos e outros elementos.

“A diferencia é que agora é o propio Concello de Mondariz quen promove e controla os proxectos, abarcando todos os elementos da rede que é necesario renovar para acadar a eficiencia enerxética que se busca”, sinala Barros. “Ademais, o cambio a LED da rede municipal de alumeado público vai chegar a todas as parroquias, sen deixar a ningunha atrás”.

Con esta actuación, o Goberno de Mondariz está demostrando unha enorme audacia e aspira a reducir drasticamente a factura eléctrica municipal, que en 2021 xa ascendía a 300.000€ anuais.

“É unha modernización integral de infraestruturas básicas que ningún Goberno municipal das últimas décadas afrontou e que beneficiará ao Concello de Mondariz durante moito tempo”, destaca o alcalde.

Cinema, cultura, festas e deporte este outubro en Mondariz
Regresan en outubro as proxeccións cinematográficas no Auditorio Municipal de Mondariz. Os venres 7 e 21 de outubro están programadas noites de cinema clásico, coa proxección de comedias míticas de Charles Chaplin (“O circo”, 1928), Buster Keaton (“O moderno Sherlock Holmes”, 1924) e dos irmáns Marx (“Unha noite en Casabranca”, 1946).

Tamén están programados tres espectáculos familiares, dous deles nos marcos dos programas FalaRedes e Ler Conta Moito. O día 15, a Praza de Abastos de Mondariz acollerá o espectáculo lúdico e musical “Xogar e aprender en galego mola”. O día 22, Mago Paco presentará o seu espectáculo “Maxia Divertida: Contamaxias”. E o día 31, o Concello de Mondariz anima aos máis cativos a celebrar o Samaín co espectáculo “Esqueteles bailade”, de Animar-T, no auditorio municipal.

Tamén está a participación veciñal coa V Marcha BTT “Montes de Mondariz” este 12 de outubro, organizada pola Asociación Deportiva Mondariz co apoio do Concello de Mondariz. Por outra banda, o 23 de outubro, o Mondariz FC organiza a súa tradicional Festa dos Callos xunto á igrexa de Mondariz. E o 29 deste mes, a Comisión das Festas de Mondariz 2022-2023 recadará fondos cunha festa na Praza de Abastos inspirada nos anos 60, 70 e 80.