• Segue conectado
  • |

Monarquía e Deep State.

O Deep State descrebe o miolo decisional dunha sociedade política. Un núcleo de poder que tende a remanecer impermeábel ás remudas de gobernos e maiorías parlamentarias. Ao dicir da intuición popular (e de non poucos analistas sociais e políticos) os que mandan de verdade.

Os Borbóns, devanceiros directos do actual e pasado Xefes do Estado, reinaron ininterrompidamente sobre os territorios do Estado español dende primeiros do século XVIII, de non ser os tempos das dúas Repúblicas e da ditadura franquista. O primeiro Borbón que sofrimos introduciu o absolutismo do seu avó, Louis XIV de Francia e suprimiu a ferro e lume, por mór dun suposto dereito de conquista, as institucións políticas de autogoberno do País Valencià, Aragón, Catalunya e les Illes. No século XIX a monarquía borbónica suprimiu as liberdades forais de Euskadi e Navarra , mentres substituían a limitada personificación representativa e gobernativa do País como Reino de Galicia pola máis absurda e xacobina centralización, partíndoo en catro cachos provinciais.

Os Borbóns impuxeron unha centralización desaquelada que proscribiu do ensino todas as linguas peninsulares distintas do castelán. Mais a súa centralización foi tamén económica, constituíndose unha oligarquía próxima ao Poder real que foi a que enfrontaría dende concesións e monopolios os grandes plans de estradas e ferrocarrís,sempre radiais con centro en Madrid, dende o XVIII e XIX atè Primo de Rivera e Franco.

A cristalización do Deep State económico español ten moito a ver coa estruturación dun potente lobby construtor-concesional entre 1965 e 1995 e coas privatizacións de grandes paquetes accionariais da banca e da distribución eléctrica nos tempos do aznarato,que lle deron ao Ibex 35 a súa fasquía actual.

Este Deep State económico baséase nas avantaxes regulatorias e nunca na libre concorrencia, que sempre tenta evitar. Hoxe, ademáis, extende o seu control sobre os grandes grupos mediáticos de Madrid e coordina os seus intereses coa elite funcionarial estatal.

Cando Filipe VI falou o 3-O como un líder de parte ratificou a existencia e plena funcionalidade deste Deep State,do que a Coroa constitúe a súa institucionalización permanente.


Advogado. Colabora en varios medios galegos.
Publicado o 25 Xuñ 2018.
AVISO: Esta entrada ten máis de seis meses dende a súa publicación. É posible que o contido esté desactualizado.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies