
Sober | O Concello de Sober vén de iniciar a programación de Nadal na que sobresae a música e o gran número de actividades que se van a desenvolver ata o 5 de xaneiro, día da visita dos Reis Magos. En concreto, haberá un gran número de propostas, ademais da convocatoria dos certames clásicos, como son o certame de poesía, de postais, de beléns e de decoración de locais comerciais.
O calendario arrancou o día 2 coa presentación do poemario de José Vicente Barcia, xornalista asentado en Sober. Seguiu o mercadiño de Nadal que organiza a Asociación Veciñal de Bolmente. O venres día 12 inaugurouse a iluminación do alumeado de Nadal e dos beléns, un deles o de Ruperto Álvarez, instalado no Centro Sociocultural, e outro o belén a tamaño natural con pezas de madeira feitas por Eugenio Linares, que está intalado na entrada á Casa do Concello de Sober.
O sábado día 13 Rosende celebrou a Festa de Santa Lucía, mentres que o 14 a Escola Municipal de Música de Sober convidou á vaciñanza ao seu Festival de Nadal.
A visita de Papá Noel está prevista para o día 19 de decembro, mentres que o día 21 Sergio Alba presenta o seu espectáculo de humor para adultos ‘Dous rombos. Pasa para a cama!’ no Centro Sociocultural.
O Trícole ofrece un concerto de panxoliñas o día 26 no local social de Bolmente e o seu espectáculo ‘Os folieiros de lavadores’ na Centro Sociocultural de Sober o día 28.
Festa infantil de Nadal
O 29 de decembro o Goberno local organiza unha festa infantil de Nadal no pavillón do CEIP Plurilingüe Virxe do Carme. O día 30 O Trícole canta os Reis no Centro Sociocultural, nun acto no que se entregarán os premios dos certames de Nadal. Xa en 2026, o día 2 de xaneiro haberá un concerto de panxoliñas a cargo do Trícole, que percorrerá diversos puntos da localidade, como a residencia da terceira idade, Canaval e Rosende.
A programación de Nadal remata o día 5 de xaneiro coa visita dos Reis Magos, que chegarán cargados de agasallos para todos e todas.




