
Arbo | O Concello de Arbo asinou un convenio de colaboración coa Asociación de Desenvolvemento Rural Condado Paradanta para levar a cabo diversas actuacións de mellora no Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea “Arabo”, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
O acto de firma tivo lugar o pasado martes 16 de decembro no Salón de Plenos do Concello de Arbo, e contou coa presenza do alcalde de Arbo, Horacio Gil, e do presidente do GDR Condado Paradanta, Pablo Castillo. O custo total máximo do investimento destinado á implantación desta actuación ascende a 177.000,00 euros (IVE incluído). Este investimento permitirá reforzar e modernizar un espazo expositivo clave para a promoción cultural e turística do municipio.
O Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea “Arabo” actúa como unha auténtica xanela ao mundo, proxectando os principais acenos de identidade de Arbo: a lamprea e o viño, elementos profundamente ligados á súa historia, cultura e forma de vida. Tal e como sinalou o alcalde, Horacio Gil, “este centro representa a nosa esencia e é unha ferramenta fundamental para mostrala a visitantes e futuras xeracións”.
Entre as melloras previstas no Museo Arabo inclúense a actualización e mellora dos contidos audiovisuais, a renovación de paneis informativos, a incorporación de novo mobiliario, así como outras actuacións orientadas a enriquecer a experiencia das persoas visitantes e a poñer en valor o patrimonio local.
Arbo é un lugar onde a historia se respira en cada recuncho, onde o río Miño non só marca unha fronteira xeográfica, senón tamén unha identidade propia, e onde as tradicións crecen coa mesma forza que os seus viñedos. Ao longo dos séculos, o municipio escolleu a lamprea como bandeira e escudo, un animal prehistórico presente no corazón da comunidade desde tempos ancestrais.
Para Arbo, a lamprea non é só un produto gastronómico, senón historia, orgullo e tradición viva. Desde hai xeracións forma parte inseparable da súa identidade e, xunto cos viños da zona, converteuse nunha dos principais acenos distintivos do municipio.
Nada disto sería posible sen moito anos de traballo conxunto de pescadores, alcaldes, corporacións municipais, hostaleiros, cociñeiros, adegueiros e da veciñanza en xeral. Grazas a este esforzo colectivo, a lamprea consolidouse como un patrimonio único cuxa máxima expresión é a Festa da Lamprea, que tras 65 edicións conta coa distinción de Festa de Interese Turístico Internacional, situando a Arbo no mapa mundial.
“O Concello de Arbo segue apostando pola beleza do noso municipio e pola posta en valor dos seus recursos turísticos”, afirmou o alcalde, Horacio Gil, destacando que estas actuacións reforzan o compromiso do goberno local coa cultura, a tradición e o desenvolvemento sostible de Arbo.




