Mocións de censura locais e corrupción democrática.

Unha sentenza do Tribunal Constitucional (TC) emitida en xuño de 2025, declarou inconstitucional a disposición da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (LOREX) que esixía unha maioría reforzada para que prosperasen as mocións de censura nas que participaban concelleiros/as tránsfugas. A sentenza eliminou o requisito de que unha moción de censura precise un maior número de votos se nela participan edís que abandonaron o seu partido, igualando deste xeito o voto dun concelleiro tránsfuga que o de calquera outro concelleiro. O TC considerou que esta limitación era desproporcionada e que o dereito a promover unha moción de censura é un mecanismo fundamental do xogo democrático.

É evidente que esta sentenza facilita as mocións de censura. Tamén é verdade que, ás veces, a inacción das directivas dos partidos contribuíron á remuda de gobernos locais saídos das eleccións de 2023. Velaí o caso de Serra de Outes en febreiro deste ano antes da devandita sentenza do TC. O entón concelleiro do PSOE, Caamaño, logo expulsado pola dirección socialista galega da compostelá rúa do Pino, asinou a moción na plenitude dos seus dereitos como concelleiro socialista.

Logo de se publicar estar sentenza xa se rexistraron varias mocións de censura en distintos concellos galegos: Forcarei, Touro, Noia e, agora, Fisterra. En todos eles a participación de concelleiros tránsfugas é fulcral para a remuda de goberno.

Porén, cómpre lembrar que seguen vixentes as disposicións da lexislación estatal básica local que impiden a esta caste de edís tránsfugas percibir retribucións superiores ás que estivesen percibindo no intre do rexistro da moción ou desfrutar de dereitos políticos que entón non tiñan. Tampouco ser recoñecidos como grupo municipal, coas resultas económicas e políticas que un tal recoñecemento xeraría. É ben curioso; se os tránsfugas non poden, legalmente, quitar beneficio, quer político, quer económico, polo seu voto de censura, actúan todos ou case todos por criterios exentos de interese persoal? Unha enquisa a pé de campo nalgúns dos diversos escenarios das mocións desta lexislatura- e doutras anteriores- de certo que nos daría material digno de creación literaria, malia que quizais non, polo menos de primeiras, de artigo de crítica política ou de denuncia xudicial.

“A inmensa maioría das mocións de censura desta lexislatura, antes e despois desa singular sentenza do TC (…) teñen como beneficiario ao PPdeG”

Mais a inmensa maioría das mocións de censura desta lexislatura, antes e despois desa singular sentenza do TC (non todas, tamén é verdade) teñen como beneficiario ao PPdeG e atoparon o consentimento dos seus presidente e secretaria xeral, Alfonso Rueda e Paula Prado, o que amosa a ruptura aberta do pacto antitransfuguismo polos populares galegos e máis a adopción dos principios trumpistas (modulados ou seica tuneados polo sx do PP estatal, Miguel Tellado) pola dirección do PPdeG. Isto quere dicir que todo está ben se é para conquistar as institucións, que se non lle valen estes principios téñolle estoutros e que seica estemos a transitar o camiño, tamén na nosa Galicia, cara á democracia iliberal das dereitas extremas polonesa e húngara.

Pregúntome se estes concelleiros tránsfugas son quen de ollar de fite ás persoas que votaron á súa candidatura hai só dous anos.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.