Mobilización contra os danos das Canteiras de Vilafría e do Carbón

Atios/O Porriño | A Asociación de Afectados polas canteiras convocan a todos os veciños de Atios a unha mobilización, o vindeiro domingo día 21, ás 12:00 hs., en protesta por como se está levando a cabo a restauración da canteira de Vilafría e para reclamar o pago das indemnizacións que a industria do granito lle adebeda aos veciños polos danos causados nas súas vivendas.

Esta mobilización é a primeira das accións que os veciños dos barrios de Vilafría e do Carbón están dispostos a levar a cabo mentres non sexan atendidas as súas demandas. Cuestionamos o papel do Servizo de Minas por ser condescendente coas pretensións da empresa de non retirar totalmente o muro artificial construído nos anos noventa a modo de pantalla que minorase os efectos da canteira. Pero a actividade xa rematou e aínda así Minas consinte que parte do muro permaneza. Criticamos a actitude pasiva e cómplice do goberno local, que nunca se preocupou polo efecto que a restauración terá sobre os veciños de Vilafría. Ademais emitiu un informe favorable ao proxecto de restauración inicial, que contemplaba manter o muro tal como está na actualidade.

As alegacións presentadas pola asociación de afectados e a comunidade de montes para que o proxecto de restauración e abandono de labores contemplase a retirada do muro artificial, foron atendidas polo Servizo de Minas, pero só en parte. A moción aprobada no pleno do concello do Porriño a instancias do BNG, axudou a facer público o problema e provocou que a empresa que acomete os traballos de rehabilitación accedera a falar cos veciños e rectificase o proxecto. Pero a partir daí a empresa actuou ás costas do veciños. Incumpriu a súa promesa de presentarlle aos veciños o proxecto rectificado para que comprobaran cómo quedaría a pantalla unha vez rematada a restauración. Pero, levado pola urxencia e o desprezo aos afectados, decidiu presentar a modificación sen consensuala cos veciños. E Minas ditou resolución favorable pola vía rápida.

Criticamos tamén a pasividade dos servizos de control medioambiental tanto da garda civil (SEPRONA), como da Consellería de Medio Ambiente, como da Policía Local. Os veciños veñen denunciando que se están realizando vertidos na canteira de Vilafría cando o proxecto aínda non estaba aprobado e con materiais que puideran ser contaminantes. Pero o recheo continúa e nada sabemos do control sobre os produtos que se verten.

Impago dos danos nas vivendas
Os incumprimentos da industria do granito e da asociación que a representa, Pocasa, son aínda máis graves no que atinxe ao pagamento dos danos que a actividade extractiva causou nas vivendas de Vilafría e O carbón. As voaduras fóra de control provocaron fendas e derrubamentos en 55 casas da contorna. Despois de moitas negociacións infrutuosas, que acabaron en reclamacións xudiciais, as empresas aínda adebedan 68.687,39 euros aos afectados. A isto hai que engadir os gastos xurídicos en que deberon incrurrir os veciños para reclamar os seus dereitos.

Durante moitos anos os empresarios obtiveron grandes beneficios do granito, explotaron as canteiras ao seu libre albedrío, sen pensar apenas nos veciños e sen que o lucro do negocio revertise apenas na parroquia de Atios, propietaria lexítima do monte. E isto acontecía ante o desleixe supervisor do Servizo de Minas, que consentiu o uso desproporcionado de explosivos, as emisións de pó e ruído sen mesura e a desconfiguración do monte. Agora que o sector está prácticametne inactivo en Atios, as empresas queren seguir facendo negocio tapando os buratos sen contar cos veciños.

Asociación de Afectados polas canteiras de Vilafría e O Carbón