Mesa Provincial do Camiño incorpora aos Concellos da Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Río Ulla

Promovido pola Deputación de Pontevedra

Pontevedra | Os concellos da Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Río Ulla incorporaranse á Mesa Provincial do Camiño promovida pola Deputación de Pontevedra para impulsar as rutas xacobeas da provincia.

Na sesión telemática celebrada hoxe acordouse a inclusión destes municipios polos que transcorre este itinerario, Sanxenxo, Meaño, O Grove, Catoira, Cambados, Ribadumia, Vilagarcía, A Illa de Arousa, Vilanova, Valga, Pontecesures e Caldas. Así o referendaron as e os asistentes á Mesa, na que participaron, amais da deputada de Turismo Ana Laura Iglesias, e o xefe provincial de Turismo da Xunta, Felipe Ferrero González; os alcaldes e alcaldesas da Guarda, Baiona, Portas, Redondela, Tui, Barro, Nigrán, Pontecesures, Soutomaior e Vilaboa e concelleiras e concelleiros de Valga, Mos, Silleda, Rodeiro, Pontevedra e Caldas.

Como lembrou Ana Laura Iglesias, en anteriores encontros coa presidencia da Mancomunidade do Salnés coincidiuse na necesidade de integrar estes municipios na Mesa Provincial do Camiño, co fin de dispoñer de información dos concellos polos que discorren os trazados oficiais dos camiños na provincia, así como dos proxectos, accións e investimentos para a conservación, valorización, promoción, recuperación, sinalización e xestión dos mesmos.

A Mesa tamén ten como obxectivo difundir nacional e internacionalmente os valores culturais do Camiño e impulsar a cooperación e colaboración entre as administracións implicadas na súa xestión. A partir da próxima sesión da Mesa estes concellos poderán participar xa a través da figura do alcalde/sa ou persoa en quen deleguen. O representante da Xunta abstívose na votación da entrada destes concellos, ao non atenderse a súa demanda para a incorporación tamén dun representante da agrupación de concellos Mar de Santiago, que integra só a unha parte dos municipios da ruta.

No que respecta a esta petición, a Deputación insistiu en manter a composición formal da Mesa na que están os concellos e as asociacións do conxunto das rutas oficiais. Por outro lado, tamén pasará a integrar a Mesa o concello do Rosal, que a pesar de estar na ruta do Camiño Portugués da Costa, aínda non formaba parte do órgano da Deputación.

Doutra banda, a Mesa amosou o seu apoio ás demandas dos concellos da Guarda, O Rosal, Oia e Baiona en relación á problemática do transporte en ferri entre A Guarda e Caminha, pendente do arranxo do pantalán da Guarda por parte da Xunta e, neste senso, acordouse trasladar a Portos de Galicia a reivindicación destes municipios sobre a necesidade de reparar o peirao á maior brevidade.

Balance
No transcurso da sesión tamén se puxeron sobre a mesa as distintas actuacións de promoción e posta en valor do Camiño na provincia de Pontevedra ao longo do 2021. Neste senso, a Deputación realizou accións de promoción en todas as variantes do Camiño a través de medios en liña. Recursos como o Pazo de Oca, o Mosteiro de Carboeiro, a fonte termal de Caldas, o Mosteiro de Armenteira, a catedral e casco histórico de Tui ou a ponte de Ponte Sampaio formaron parte das campañas desenvolvidas nas redes sociais de Turismo Rías Baixas así como de medios especializados.

Amais, elaborouse un vídeo promocional das diferentes rutas estreado no Fair Way, o IV Foro do Camiño de Santiago, e que tamén se divulgou unha presentación do destino Rías Baixas en Fitur. Dito vídeo pon o acento na sostibilidade deste recurso turístico e na paisaxe con todos os seus matices como elemento diferenciador de Galicia e da provincia cando se fai o Camiño e se chega a esta terra.

Doutra banda, no eido do impulso e a transformación como destino sostible destacouse a aprobación dun investimento de 2 millóns de euros para desenvolver o Plan de Sostibilidade Turística no Destino de Deza-Tabeirós-Montes dentro da convocatoria do Ministerio de Industria Comercio e Turismo do Plan Nacional Xacobeo. O obxectivo deste proxecto é promover a transformación do sector turístico destas comarcas polas que pasa a Vía da Prata e rutas que solicitaron o recoñecemento oficial como é o Camiño Miñoto-Ribeiro e orientalo cara a un modelo ecoturístico do Camiño e unha experiencia memorable para as persoas viaxeiras. Nas vindeiras semanas formalizarase a sinatura do convenio co Ministerio e realizarase un primeiro encontro cos concellos destas comarcas para o arranque deste plan.

As vindeiras actuacións de promoción da ruta xacobea inclúen en abril a apertura da exposición “Camiños do Sur”, que percorrerá cinco concellos da provincia polos que transcorre o Camiño Portugués promocionando este itinerario cultural europeo e os recursos turísticos da contorna.

A Deputación tamén levou a cabo actuacións en materia de seguridade peonil, sinalización, mantemento e mellora do itinerario. Así, realizouse a roza de todas as vías provinciais polas que pasan as rutas do Camiño de Santiago e, no caso do Camiño Portugués, acometéronse actuacións de calmado de tráfico en Valga-Martores, Caldas, Portas, Barro (Curro-Portela) e Soutomaior. Tamén se procedeu ao ensanche na EP-2906 Os Valos- Guizán (Redondela) e está case rematada a humanización de San Amaro en Barro. Ademais, foron remitidos aos concellos os proxectos dos tramos Tomeza-Figueirido (Pontevedra); Mos-Puxeiros (en Mos), e para a mellora da mobilidade peonil na rúa do Parque en Caldas. No que atinxe á mellora da seguridade na EP-25002 en Ribadelouro (Tui), a actuación está pendente da expropiación.

No Camiño Portugués da Costa leváronse a cabo melloras de seguridade peonil en Baiona, no tramo Baredo-Lourenza, e de calmado de tráfico en Nigrán, no tramo de A Ramallosa. E na Vía da Prata en breve procederase á contratación da mellora da mobilidade peonil na EP-6102 en Rodeiro. Amais, procedeuse á mellora da sinalización vertical nas interseccións do Camiño de Santiago coas estradas provinciais nas rutas oficiais que pasan por esta provincia.

Doutra banda, a Deputación colaborou noutras actividades nos concellos, como “Meu Camiño, teu Camiño”, da entidade Prado Surf; “Unha aldea de Nadal no Camiño” da Asociación Etnográfica de Codeseda (Lalín); “Navegas Patrimonio Industrial Marítimo Pesqueiro no Camiño de Santiago”, da Fundación para a Pesca e o Marisqueo; “Galicia Escandinava. O Camiño do Oeste a Santiago de Compostela” da Fundación Carlos Casares e o Festival de Órgano no Camiño, da Orquestra Clásica de Vigo. Actividades ás que hai que unir outras no eido da conservación do Patrimonio, con actuacións nos bens de Silleda, Caldas, Redondela, Lalín, Barro, O Porriño, Soutomaior ou Portas.

1.5 millóns para estradas provinciais
A Xunta de Goberno da Deputación vén de dar luz verde a tres proxectos de mellora das infraestruturas provinciais ao abeiro do modelo de mobilidade segura e amable da institución provincial, que supoñen un investimento de preto de 1,5 millóns de euros (1.484.931€).

Deste xeito aprobáronse os expedientes de contratación para sacar a licitación as obras de reposición de firme na EP6202 Rodeiro-Oseira, no concello de Rodeiro (cuxo orzamento ascende a 431.265€) e os traballos de mellora da seguridade viaria na EP8101 Portas-Romai (en Portas), presupostado en 609.951€. Así mesmo, o Goberno provincial adxudicou a execución das obras de mellora da seguridade viaria na EP2403 Mosende-Morgadáns e na EP2404 Acceso a Chenlo, nos concellos do Porriño e Gondomar, por un orzamento de 443.715€.

Estas últimas obras, de mellora da seguridade viaria na EP-2403 Mosende-Morgadáns e na EP-2404, Acceso a Chenlo suporán a actuación en case 12,3 quilómetros de estrada, xa que se intervirá en 11,5 quilómetros da EP-2403 e en case 0,8 da EP-2404 nos concellos do Porriño e Gondomar. Os traballos comprenden o fresado da estrada, reposición do firme, a disposición da sinalización tanto horizontal como vertical, a mellora da drenaxe e a instalación de sistemas de contención de vehículos, coa fin de salvagardar a debida prestación do servizo público viario e de mellorar a seguridade viaria.

Doutra banda, no que se refire ás obras de mellora da seguridade na EP-8101 Portas-Romai, servirán para renovar a práctica totalidade do firme da estrada, de 4 quilómetros. Tralas actuacións o ancho de carril mínimo da estrada provincial pasará a ser de 2,75 metros e amais, a EP-8101 tamén verá adaptadas as súas beirarrúas, ampliándose a da marxe dereita no seu treito final para dotar á marquesiña de autobús existente dunha adecuada zona de espera conectada a un itinerario peonil.

Do mesmo xeito, executarase un muro de sostemento da estrada e realizarse unha zona de estacionamento na que os distintos espazos estarán claramente definidos. Así, evitarase o estacionamento de vehículos nas inmediacións de pasos de peóns e peoas e cruces á vez que se mellora a visibilidade.

Amais, en dúas zonas da estrada instalaranse separadores de carril que permitirán definir correctamente o espazo para o tráfico peonil nesas zonas. O proxecto comprenderá tamén a implantación de redutores físicos de velocidade e de pasos sobreelevados para mellorar a seguridade viaria das e dos usuarios da máis vulnerables desta estrada. Na mesma liña, replanificarase a sinalización vertical dos límites de velocidade e renovarase a horizontal.

Por último, as obras de reposición de firme da estrada EP-6202 Rodeiro-Oseira permitirán mellorar as condicións de rodadura de aproximadamente 7,2 quilómetros divididos en tres tramos da EP-6202 situados ao comezo da infraestrutura, no tramo medio e na parte final colindante con Ourense. A empresa adxudicataria terá que demoler o firme asfáltico actual en mal estado, proceder ao novo asfaltado, elevar os pozos de rexistro e tapas de sumidoiro ata a nova rasante, instalar as tubaxes de drenaxe e pintar o pavimento.