Mes da Muller Traballadora na Cañiza

Unha programación conmemorativa no marco do 8M

A Cañiza | O Alcalde Luis Piña presentou esta mañá a programación organizada polo Concello para conmemorar o Mes da Muller Traballadora, no marco da celebración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller.

No acto de presentación estivo acompañado polas concelleiras María José Rodríguez, Paula Bacelar e Eva María Rivas, quen destacaron a importancia de continuar impulsando iniciativas que promovan a igualdade real entre mulleres e homes, así como recoñecer o papel fundamental que as mulleres desempeñaron e seguen desempeñando no desenvolvemento do municipio.

A programación deseñada polo Concello inclúe diferentes actividades de carácter institucional, cultural e educativo que se desenvolverán durante as próximas semanas e, no caso do proxecto municipal “Violetas”, durante todo o ano, e que teñen como obxectivo visibilizar referentes femininos e fomentar a reflexión sobre a igualdade.

Entre as iniciativas previstas destaca o acto institucional de homenaxe a Maruja Gómez González, primeira muller elixida democraticamente alcaldesa en Galicia no ano 1936 no municipio da Cañiza. O acto, organizado pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) coa colaboración do Concello, celebrarase este venres 13 de marzo ás 12h no Salón de Plenos da Casa Consistorial.

Este ano cúmprense 90 anos da investidura de Maruja Gómez, unha figura pioneira que marcou un fito na historia política de Galicia ao converterse na primeira alcaldesa elixida democraticamente na comunidade. Tal e como sinalou o alcalde Luis Piña, “para a Cañiza é unha honra acoller este acto de recoñecemento a unha muller que abriu camiño e que forma parte da historia democrática do noso municipio e de Galicia”.

A homenaxe, promovida pola FEGAMP, pretende poñer en valor o papel das mulleres como xestoras do cambio e protagonistas da vida pública, especialmente no ámbito local, lembrando a figura de Maruja Gómez como símbolo da participación e do liderado feminino na política municipal. Durante o acto tamén se evocará, a través da súa figura, o papel de todas as mulleres que ao longo das últimas décadas asumiron responsabilidades nas alcaldías e corporacións municipais galegas, contribuíndo á transformación social e institucional dos concellos.

Así mesmo, dentro desta programación conmemorativa celebrarase un acto dedicado á arquitecta Rita Fernández Queimadelos, nacida na Cañiza e considerada unha das pioneiras da arquitectura en España. A actividade terá lugar o luns 23 de marzo ás 19:30 horas no Salón de Plenos do Concello e forma parte do ciclo “Aquí Faltan Páxinas. Mulleres extraordinarias”, unha colección que recupera historias de mulleres fundamentais para comprender a memoria colectiva e o desenvolvemento social, moitas veces ausentes dos relatos tradicionais.

O acto está promovido pola Deputación de Pontevedra, a través do seu Servizo de Igualdade, e conta coa colaboración do Concello. Durante o encontro poñerase en valor a figura e a traxectoria de Rita Fernández Queimadelos (1911–2008), primeira arquitecta galega titulada e unha das primeiras mulleres arquitectas en España, cuxa carreira contribuíu a romper estereotipos de xénero nunha profesión tradicionalmente masculina.

Nada na Cañiza no seo dunha familia vinculada ao comercio, amosou desde moi nova interese pola arquitectura, influída polo seu avó materno, agrimensor na localidade. A pesar das dificultades e da oposición inicial da súa contorna, logrou estudar arquitectura en Madrid e titulouse en 1940, formando parte da primeira xeración de arquitectas do país.

Ao longo da súa carreira traballou na Dirección Xeral de Rexións Devastadas e desenvolveu proxectos tanto no ámbito público como no privado, especialmente en Madrid e Murcia. Posteriormente exerceu como arquitecta escolar provincial e arquitecta municipal, ademais de manter a súa actividade como profesional independente, destacando especialmente en proxectos de arquitectura civil, rehabilitación e vivenda social.

O recoñecemento á súa figura foi medrando nos últimos anos. En marzo de 2025, o Concello e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) rendéronlle unha homenaxe pública con motivo do 8M, no que se descubriu unha placa que dá nome á “Praza Arquitecta Rita Queimadelos”, situada na actual Praza do Mercado da localidade.

A programación inclúe tamén o desenvolvemento dunha nova edición do proxecto municipal “Violetas”, unha iniciativa educativa centrada na promoción da igualdade e na prevención da violencia de xénero que se levará a cabo en colaboración cos centros educativos do municipio. A través de obradoiros, actividades participativas e propostas artísticas dirixidas ao alumnado fomentaranse valores de respecto, convivencia e relacións igualitarias entre a mocidade. Un proxecto financiado a través da liña de subvencións da Deputación de Pontevedra, dirixidas a concellos de menos de 20.000 habitantes para a promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero.

Neste contexto de accións de sensibilización e visibilización da igualdade, o Concello tamén conta no espazo público cun mural de igualdade realizado pola artista urbana vasca Amaia Arrazola, situado na entrada da piscina climatizada municipal, inaugurada en marzo de 2023. A obra, de 8 metros de longo por 4 de alto, representa tres etapas da vida dunha mesma muller —nena, adulta e maior— como símbolo dos seus pensamentos, soños, lembranzas e experiencias ao longo do tempo.

Con esta programación, o Concello da Cañiza reafirma o seu compromiso coa igualdade e coa posta en valor da contribución das mulleres á sociedade, promovendo accións de sensibilización e educación.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.