
Salceda de Caselas | O Concello de Salceda de Caselas traballa estes días na instalación dun elevador na Praza de Abastos, que permitirá o acceso directo dende a parte traseira do edificio, facilitando deste xeito a accesibilidade tanto da clientela como dos servizos e subministracións relacionados coa actividade do mercado.
O proxecto, que conta con un orzamento de 226.893,30€ suporá, ademais da instalación do elevador, o cambio de pavimento do edificio, pechando deste xeito o ciclo de transformacións na Praza de Abastos iniciada xa fai uns anos e que na práctica supuxo unha reforma integral do edificio, que agora se completa con estas actuacións. Actualmente a planta dedicada a venta de produtos conta con un chan de terrazo que dificulta a limpeza e a evacuación das augas, polo que se logrará unha maior estanqueidade e salubridade.
A Alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, salientou que este é o terceiro edificio ao que se dota de elevador neste mandato, logo de facelo no Lar da Memoria Mª Teresa Miras Portugal e no Centro de Servizos Sociais: “a nosa aposta pola accesibilidade universal é clara. Tódalas persoas teñen o mesmo dereito de acceder aos espazos públicos. Por fortuna cada vez existe unha maior concienciación en tódolos ámbitos sobre esta realidade, e as administracións temos que as primeiras en dar exemplo. Pola nosa parte non vai quedar, pasiño a pasiño conseguirémolo”.
O Concello de Salceda conseguiu unha axuda de 196.589,04€ da Consellería de Comercio da Xunta de Galicia, asumindo os case 50.000€ restantes con fondos propios, repartidos en dúas anualidades (2025 e 2026). A Praza de Abastos de Salceda, obra do arquitecto Álvaro Romero Gil-Delgado, foi deseñada no 1990, mais o paso do tempo e o cambio de rutinas comerciais, fixo que fose preciso acometer unha reforma integral do edificio para adaptalo ás novas necesidades da veciñanza.
Selene González, Concelleira de Comercio, lembrou que esta obra era un compromiso cos praceiros e praceiras, e que este investimento demostra unha vez máis “a nosa aposta firme polo comercio local e de proximidade”. En palabras da Concelleira, “a Praza de Abastos de Salceda ofrece produtos frescos e de primeira calidade; un privilexio na nosa vila que merece todo o noso apoio”.




