Mellora integral do campo de fútbol da Cañiza

Grazas a unha subvención da Deputación de Pontevedra

A Cañiza | O Pleno da Corporación Provincial da Deputación, celebrado o pasado 23 de xuño, acordou conceder ao Concello unha axuda de 479.948,21 € para subvencionar a actuación de “acondicionamento e mellora da eficiencia enerxética do Campo de Fútbol das Augas Férreas”, proxecto redactado pola enxeñería Calderón&Asociados Ingeniería Medioambiental.

Unha actuación de mellora e rehabilitación cun investimento de 599.935,27€ impostos engadidos, dos que 416.650,65 corresponden a execución de obra, 54.164,58€ ao 13% de gastos xerais e 24.999,04 ao 6% de beneficio industrial. A estes tres conceptos hai que engadir o 21% de IVE que suma outros 104.121,00€.

As obras deste importante proxecto contemplan os traballos de substitución de todo o céspede sintético do terreo de xogo (104,40m x 65m). Cambio da rede de rego e dos sistemas de iluminación do campo de fútbol coa colocación ademáis de 4 grandes torretas de luz. Impermeabilización da cuberta dos vestiarios. Construcción dunha caseta para aloxar unha caldeira de biomasa que substituirá á caldeira de gas-oil e colocación dun silo. Ademáis se reformarán as instalacións de ACS (calefacción dos aseos, vestiarios e duchas), o saneamento e os sistemas eléctricos. Por outra banda habilitarase un novo acceso á instalación polo extremo norte e sanearanse os muros de bloque perimetral de todo o recinto deportivo.

A execución desta reforma é outro dos compromisos adquiridos polo Alcalde co fútbol da Cañiza, atendendo á grande afección a esta disciplina no noso Concello.