Mellora da eficiencia enerxética no Servizos de Emerxencia de Ponteareas

Os traballos suporán un investimento de 115.000 euros

Ponteareas | O Concello de Ponteareas xa deu inicio ás obras de mellora da eficiencia enerxética no edificio de Servizos de Emerxencias da vila, uns traballos destinados a garantir unhas instalacións municipais máis eficientes e reducir a súa pegada de carbono.

A alcaldesa, Cristina Fernández, destaca a importancia de levar a cabo estas melloras de forma paulatina nos edificios municipais, “medidas para optimizar os recursos enerxéticos que son fundamentais para contribuír á protección do medio ambiente, á loita contra o cambio climático e ao aforro económico para o municipio”.

As obras suporán un investimento de 115.000 euros financiados polo Fondo Europeo para o Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo de Crecemento Sostible 2014-2020 a través do IDAE, Ministerio para a Transición Ecolóxica.

Situado na rúa das Pombas, as obras consistirán no illamento interior da cuberta sobre os espazos dedicados ás oficinas da Policía Local e a zona de Bombeiros, así como a mellora do illamento da envolvente das fachadas con contacto cara ao exterior. Os traballos non suporán ningunha variación na ocupación nin no uso das instalacións e estarán rematados nun prazo máximo de tres meses.

Cristina Fernández subliñou o compromiso do Concello coa promoción de prácticas sostibles e a transición cara a unha economía baixa en carbono, motivo polo que ao longo dos últimos anos levan realizándose diferentes obras como a mellora da eficiencia enerxética de instalacións municipais, o cambio de todo o alumeado público por luces LED ou a instalación pioneira dunha rede de calor por biomasa para abastecer a edificios municipais.

Rede de saneamento e da EDAR en Celeiros
Ponteareas continúa avanzando no Ciclo Integral da Auga, unha nova concesión do servizo de abastecemento, saneamento e depuración da vila que suporá investimentos millonarios no rural ponteareán para a mellora e ampliación de infraestruturas. O Concello sacará a licitación en breve a explotación do servizo, que suporá unha concesión a 20 anos e un canon de máis de 1,3 millóns de euros, multiplicando case por dez o da concesión anterior.

Un dos aspectos máis importantes da contratación do servizo será que as empresas que opten á concesión deberán ofertar investimentos en obras de saneamento e abastecemento no rural por un mínimo de 1,6 millóns e ata un máximo de 7,7 millóns de euros. “A empresa concesionaria deberá investir en mellorar as infraestruturas das que dispón Ponteareas e que, xunto á ampliación da depuradora que comezará en breve, permitirán que o saneamento chegue a esas 19 parroquias que aínda non o teñen”, destacou a alcaldesa, Cristina Fernández.

O anteproxecto recolle o investimento obrigatorio en ata oito proxectos xa avanzados polo Concello, como de obrigada execución a construción da rede de saneamento na parroquia de Celeiros, a rehabilitación estrutural do azud do río Tea ou executar a estación depuradora de augas residuais urbanas tamén na parroquia de Celeiros, “levando o tan necesario saneamento ás parroquias ponteareás”. Ademais, o anteproxecto recolle tamén a obrigada ampliación da rede de abastecemento en diferentes lugares das parroquias de Moreira, San Mateo de Oliveira, Santa María de Areas e outras conexións., entre outros proxectos.