A recuperación do Pazo de Meirás é o resultado dun longo proceso de dignidade civil e política, reivindicación social e rigor intelectual nas ordes xurídica e historiográfica. Para entendermos o fito que supuxo a sentenza definitiva do Supremo declarando pública a propiedade do Pazo cómpre facermos memoria e reivindicar os nomes de quen, en tempos de silencio e desidia institucional, tiveron a afouteza de sinalar a iniquidade.
A xenealoxía desta vitoria remóntase á temperá ousadía de Gonzalo V. Pozo e Pura Barrio, concelleiros da Coruña por Esquerda Galega (elixidos na candidatura dunha Unidade Galega xa esfarelada na altura) que presentaron o 12-M de 1982 unha proposta para que o Concello negociase coa familia Franco a recuperación gratuíta do Pazo. Seguiu o traballo da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) fundada no 2004 e presidida na altura polo mesmo Manuel Monge que colaborara na redacción da proposta dos concelleiros nacionalistas no 1982. Esa semente de impugnación política atopou continuidade no pulo local do alcalde nacionalista Abel López Soto en Sada, quen inspirou á conselleira nacionalista Anxela Bugallo (BNG) para declarar o Pazo como Ben de Interese Cultural (BIC) no 2008. Unha decisión da conselleira nacionalista que foi a chave mestra que abriu as portas á fiscalización pública dun recinto que a familia Franco pretendía manter como un limbo xurídico.
“Este proceso non tería sido posible sen o soporte da investigación histórica e a mobilización social”
Este proceso non tería sido posible sen o soporte da investigación histórica e a mobilización social. O monumental traballo de Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo no seu libro ·”Un Pazo, un Caudillo, un expolio” foi a luz que disipou as sombras do simulacro xurídico, documentando o espolio con probas que fixeron insostíbel o relato simulado do franquismo. Mentres a «Xunta pro devolución do Pazo«, promovida e lideradapola vicepresidenta da Deputación Goretti Sanmartín, nunha xogada mestra de estratexia política, artellaba a unidade de acción institucional sobre a base dos aquelados informes xurídico e historiográfico dos profesores da USC Xavier Ferreira e Emilio Grandío, fulcrais para por o foco na recuperación. Sanmartín era consciente de que só dende o consenso político (que logo expresou por unanimidade o Parlamento de Galicia) era posíbel acadar que a Administración do Estado, única lexitimada xuridicamente, encetase o proceso de reivindicación en sede xudicial. Mentres na rúa, o sacrificio dos «19 de Meirás simbolizou a vontade inquebrantábel dunha comunidade nacional que non aceptaba a continuidade da inxustiza, ao tempo de reivindicaren a eficacia e lexitimidade da desobediencia civil non violenta.
A demanda xudicial da Avogacía do Estado (verán de 2019) alicerzouse no pulo da entón avogada xeral do estado (a galega Consuelo Castro) e no moi amplo, rigoroso e detallado traballo de Javier Suárez (avogado-xefe da Avogacía do Estado na Galicia) e de Adela Álvarez. A sentenza da maxistrada Marta Canales declarou a nulidade absoluta do título de compravenda de 1941 no que Franco alicerzara a súa titularidade rexistral por se amosar unha simulación total, logo de descubrir os devanditos xuristas e historiadores a existencia previa dunha doazón de 1938 que era tamén nula por falla de lexitimación duns herdeiros de Pardo Bazán que non tiñan aceptado aínda a herdanza e dunha Xunta Pro Pazo sen personalidade xurídica capacitante.Tampouco existía a adquisición da propiedade por prescrición. Por mor da falla de título dos Franco precisaban trinta anos de posesión pública e ininterrompida como donos e non os tiñan, pois que o Estado seguiu fornecendo da Garda Civil para a seguranza exterior e a xestión interior do Pazo até 1990.
Mais a Audiencia da Coruña (nunha sentenza agora confirmada polo Supremo) rectificou a sentenza da maxistrada Canales na única consideración de que os Franco eran posuidores de boa fe, polo que terán dereito a ser compensados dos gastos útiles investidos no Pazo (non só dos gastos necesarios que tamén lle son indemnizábeis aos posuidores de mala fe). Tramitarase, logo, un incidente en execución da sentenza perante o xulgado que actuou na primeira instancia. O alcance semella vai ser limitado, tendo en conta que i) non se compensarán gastos de recreo ou luxo, ii) haberase liquidar a importante indemnización recibida polos Franco da aseguradora “La Unión y el Fénix” polo moi sospeitoso lume de 1978, cos seus xuros legais dende aquela.
Para alén desta liquidación posesoria, fica pendente o futuro de Meirás dende unha lóxica de proximidade e significación nacional. A proposta do BNG no Parlamento, presentada este venres 13-M, para unha cesión modal do Pazo á Xunta de Galicia ao abeiro da Lei de Patrimonio das Administracións Públicas seica é unha saída coherente co protagonismo cívico da sociedade galega neste proceso. Meirás ha ser xestionado dende Galicia, coa participación cando menos das Administracións estatal, autonómica e local de Sada e das entidades memorialistas que achegaron substancialmente á devolución do Pazo, co obxecto de cumprirmos a finalidade central de ser un espazo de memoria democrática e de divulgación da represión franquista e maila finalidade complementaria da súa vinculación coa vida e obra da Pardo Bazán.





