
Ponteareas | O Concello de Ponteareas asistiu á apertura de dous novos negocios locais no municipio no último mes, a Librería Sherwood na rúa Ciclista Emilio Rodríguez, e a inmobiliaria Rodespi na rúa Amado Garra, iniciativas emprendedoras que contribúen a dinamizar a economía e a vida social da vila e que se suman á apertura de Trofeos3D na rúa Daniel Ojea, La Suerte de Rosalía na rúa Rosalía de Castro; A Tenda de Cómics xunto ao conservatorio, a clínica dental Dental Company ou ao negocio de hostalaría de kebab Kebiroll, entre outros. No acto estivo presente a alcaldesa, Nava Castro, quen quixo trasladar persoalmente o apoio do goberno local ás persoas emprendedoras.
A rexedora salientou a importancia de apostar polo comercio local como motor de desenvolvemento económico e social. “Cada novo negocio que abre en Ponteareas é unha mostra de confianza no noso concello e no seu potencial. O comercio de proximidade crea emprego, xera riqueza e fai vila”, destacou Nava Castro, quen desexou moita sorte ás persoas emprendedoras nesta nova etapa e animou a outros proxectos a apostar por Ponteareas como lugar para investir e medrar.
A alcaldesa lembrou que as persoas emprendedoras contan en Ponteareas con recursos municipais específicos como o Centro de Emprendemento Local (CEDEP), situado na Praza Maior. Este espazo ofrece o primeiro coworking do Concello de Ponteareas, un centro de dixitalización no que se imparte formación para mellorar a competitividade dos negocios e a oficina SmartPeme. Ademais, no CEDEP tamén se presta asesoramento para emprender a través da oficina da orientadora laboral.
Recuperación da actividade e da vida
O Concello de Ponteareas activa ao longo do ano diferentes campañas e iniciativas co obxectivo de dinamizar a economía local, apoiar o tecido comercial e fomentar o consumo no comercio de proximidade. Ademais, no ámbito da recuperación urbana e da vivenda, o Concello de Ponteareas foi un dos municipios beneficiados polas axudas a nivel barrios, xestionadas pola Xunta de Galicia, cun investimento de 400.000 euros que permiten potenciar a rehabilitación e a recuperación da vida nos barrios históricos da vila. Grazas a estes fondos, xa se contribuíu á rehabilitación de 16 propiedades con actuacións dirixidas a mellorar a eficiencia enerxética dos edificios e outras reformas como a colocación de ascensores, así como labores de conservación e renovación das edificacións.
A alcaldesa destacou a importancia destas intervencións no marco da posta en valor do centro histórico de Ponteareas e subliñou a colaboración do Concello en materia de vivenda. “É fundamental, e máis no momento no que vivimos, que as administracións poñan todo da súa parte para acadar máis vivenda e sacar o maior partido ao patrimonio xa construído”, indicou Nava Castro.
Exemplo desta colaboración son os 207.632,54€ outorgados a 16 propiedades da Área de Rehabilitación Integral de ámbito urbano da Zona vella de Ponteareas cunha superficie de 9,28 hectáreas. Consta este espazo dun número total de 518 vivendas que se agrupan nun total de 74 edificios de uso residencial colectivo e 133 vivendas unifamiliares. Ademais, no ámbito existen 5 edificios de equipamentos. Esta delimitación acolle tamén os edificios recolleitos no Catálogo de Bens do Patrimonio Cultural do Medio Rural e Urbano de Ponteareas, e que se atopan en contacto co límite marcado para a Zona vella pola devandito PXOM.
No último ano o Concello de Ponteareas tamén ofreceu as primeiras axudas para a reconversión dos baixos no centro urbano en vivenda de alugueiro e a activación das vivendas baleiras do rural tamén para alugueiro social.
Con estas accións, o Concello de Ponteareas reafirma o seu compromiso co desenvolvemento económico, o apoio ao emprendemento, a rehabilitación urbana e a mellora da calidade de vida da veciñanza.




