
Santiago de Compostela | A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, asinaron este mediodía un convenio de colaboración para reforzar a coordinación de actuacións públicas con incidencia no sector turístico promovidas no rural galego no marco do Plan estratéxico da PAC (Pepac) 2023-2027. Con este acordo dáse un novo pulo á cooperación mantida entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e Turismo de Galicia co obxectivo de favorecer a dinamización económica do territorio rural.
No acto, ao que tamén asistiu a directora xeral de Agader, Paz Rodríguez, e o xerente de Turismo de Galicia, Antonio Casas, a conselleira subliñou as sinerxías que se crean no rural mediante a suma de esforzos das entidades que impulsan o seu desenvolvemento, como neste caso son ambos departamentos.
Gómez salientou que con este acordo favorécese a coordinación á hora de xestionar os fondos destinados a fomentar a actividade turística nas contornas rurais, no que atinxe ás axudas do departamento de Turismo e ás de Medio Rural que se canalizan a través dos grupos de desenvolvemento rural (GDR), dentro da intervención Leader.
Así, no caso da Consellería, véñense financiando iniciativas como a posta en marcha de establecementos de restauración e aloxamentos, caso dos campamentos, hoteis ou casas rurais, entre outros. Asemade, tamén se fomentan medidas de mellora da oferta turística, tales como a sinalización, ou as relacionadas coa formación dos profesionais deste eido.
Actualmente permanece aberta a convocatoria de axudas do Leader, dotada con 28,7 millóns de euros ata 2028 e que constitúe a de maior orzamento da historia. Trátase, asemade, dunha convocatoria trianual, o que supón unha importante vantaxe para os promotores dos proxectos, entre eles os de carácter turístico, que poderán desenvolver a súa iniciativa cunha maior marxe temporal.
Dinamizador económico do rural
Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, destacou o importante aporte da actividade turística como dinamizadora da economía nas áreas rurais. A mellora das infraestruturas e dos servizos destes territorios “redundan nunha experiencia turística excelente e de calidade”, á que se suma, ademais, a creación dunha oferta turística complementaria que funcione como polo de atracción cara estas zonas.
Neste contexto, puxo en valor o aporte de modalidades como o turismo activo, o de balnearios ou termalismo e o enogastronómico, con potencial para captar novos públicos que visiten as zonas. Ademais, a promoción do turismo no rural e destas modalidades turísticas alíñase coa Estratexia de Turismo 2030 da Xunta, ao permitir incidir na redistribución territorial da oferta e ao favorecer a desestacionalización e a diversificación do destino, xerando e repartindo riqueza por todo o territorio.




