Medio Rural colabora nas actividades do Mes de Amandi en Sober

Quere promover os produtos de calidade diferenciada

Sober | A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, colabora co Concello de Sober no desenvolvemento das actividades do Mes do Amandi, unha iniciativa que pon en valor esta subzona da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

Neste marco, o director da Axencia, Martín Alemparte, participou nunha xornada celebrada na Escola de Hostalaría da Fundación Belarmino Fernández, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias. A actividade consistiu nunha acción formativa dirixida ao alumnado e profesorado do centro, na que se ofreceu información sobre os produtos amparados polas indicacións xeográficas protexidas Lacón Galego, Pataca de Galicia e Grelo de Galicia, co obxectivo de fomentar o seu coñecemento e uso na cociña.

Ademais, desenvolveuse unha sesión práctica na que se elaboraron pratos con estes produtos, acompañados dunha maridaxe con viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, destacando a calidade e versatilidade da produción agroalimentaria galega.

O director da Axencia destacou que “produto, formación e territorio van da man no impulso da calidade diferenciada galega”. Con esta colaboración, a Consellería do Medio Rural reforza o seu compromiso coa promoción dos produtos de calidade diferenciada e coa formación dos futuros profesionais da hostalaría, contribuíndo tamén á posta en valor do territorio e do sector vitivinícola da Ribeira Sacra.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.