Maxia e ilusionismo para o Nadal galego co apoio da Xunta de Galicia

O espectáculo Reinventio estará en Ourense o 20 de decembro

Ourense | O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentou Reinventio, un espectáculo galego de gran formato que combina maxia, danza e artes circenses nun relato visual sobre a capacidade de reinventarse e recuperar a ilusión que conta co apoio de Turismo de Galicia e que busca converterse nun reclamo turístico do Nadal galego.

A iniciativa será “un importante aliciente para visitar as nosas cidades fóra de temporada alta” e se referiu ao “positivo impacto” que poderá ter desde o punto de vista turístico. “Desde hai anos apostamos por un modelo que diversifique a oferta e rompa a estacionalidade tendo moi en conta que estamos a comprobar que o inverno galego ten un importante potencial turístico. Así o constata, por exemplo o crecemento entre un 3 e u 4% dos viaxeiros en meses como xaneiro ou febreiro deste ano”, engadiu Xosé Merelles.

Neste sentido, felicitou aos organizadores de Reinventio por presentar unha proposta que vén avalada polo éxito do espectáculo Inventio, unha produción impulsada no marco do Xacobeo 21-22 que fusionaba danza, ilusionismo e música arredor do simbolismo do Camiño de Santiago e que serve de base para esta nova proposta.

A xira galega 2025/2026 de Reinventio confirma nove funcións en sete cidades. O espectáculo estrearase o 12 e 13 de decembro no Teatro Jofre de Ferrol, e continuará por Vigo (14 de decembro, Teatro Afundación), Ourense (20 de decembro, Auditorio Municipal), Pontevedra (26 de decembro, Teatro Afundación), Lugo (27 de decembro, Auditorio Fuxan os Ventos), A Coruña (3 e 4 de xaneiro, Teatro Colón) e Santiago de Compostela (17 de xaneiro, Auditorio de Galicia).

Reinventio combina números de ilusionismo, acrobacias e danza contemporánea nunha proposta de 90 minutos que aborda a ilusión, a superación e o espírito transformador do Camiño de Santiago. A dirección artística corre a cargo do ilusionista ferrolán Martín Varela, xunto coa coreógrafa Mercedes Suárez e a compañía Druida Danza, profesionais galegos de ampla traxectoria que integran elementos de danza clásica e contemporánea con técnicas circenses innovadoras, acompañadas dun coidado deseño escenográfico, musical e lumínico que reforza o carácter visual e emocional do espectáculo.

O director de Turismo de Galicia felicitou ao equipo artístico pola súa contribución á oferta turística e destacou que “o apoio da Xunta a este tipo de proxectos forma parte da estratexia de promoción dun turismo que tamén xera oportunidades e pon en valor o talento galego”. As entradas para o espectáculo están dispoñibles en www.reinventio.gal e www.ataquilla.com , con prezos entre 15 e 25 euros segundo o recinto. Na foto Xosé Merelles na presentación do calendario do espectáculo.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.