• Segue conectado
  • |

Marina Mayoral ingresa na RAG como membro de honra

Marina Mayoral: “Toda Rosalía está nos seus versos publicados. Nese sentido, a destrución das súas cartas por Murguía foi inútil”

A Coruña |  Marina Mayoral (Mondoñedo, 1942) ingresou hoxe na Real Academia Galega como académica de honra cun discurso no que ofreceu unha nova visión sobre os motivos que levaron a Manuel Murguía a destruír as cartas de Rosalía de Castro. Se hai 48 anos escribira “dun modo contundente e pouco matizado” que o fixera para protexer a súa propia imaxe, a escritora e investigadora considera agora que “a súa intención fundamental non foi protexerse a si mesmo senón protexer ante a posteridade a imaxe da súa muller”, procurando unha mellor acollida da súa obra. E este xesto foi só “un máis dunha longa cadea de actuacións no mesmo sentido”, entre elas, animala a escribir e combater o “desánimo ante a súa propia obra” e a tendencia a rachar os seus textos. “El construíra a imaxe dunha Rosalía mártir, que se compadecía da dor allea e que mantivo sempre unha actitude digna e nobre ante a propia dor. Para completar o seu labor de enaltecemento só lle faltaba destruír as cartas, nas que debía de aparecer unha Rosalía que non se axustaba a esa imaxe”, explica Marina Mayoral, que profunda en distintas accións do autor no “proceso de mitificación de Rosalía”.

A nova académica de honra, que desde os 19 anos reside en Madrid, rematou a intervención recordando escenarios importantes na súa vida, todos eles galegos: a casa de Ramón Piñeiro na rúa Xelmírez de Santiago, “para min un verdadeiro fogar”; a Universidade de Santiago de Compostela, onde comezou os estudos superiores e imparten docencia “amigos moi queridos e admirados”; a casa familiar de Mondoñedo, onde viviu cos pais e a avoa –“a onde quer que eu vaia, van comigo”-; ou as páxinas do xornal no que colabora desde hai tres décadas, “onde puiden dicir sempre o que penso e o que sinto, que era o que Rosalía quería para as mulleres”, asegurou. Por último agradeceu á RAG o nomeamento: “Desde hoxe, teño un lazo máis con Galicia, esta casa, que respecto e admiro”.

Xosé Luís Franco Grande foi o encargado de darlle resposta en nome da Academia a quen é “unha personalidade literaria xa de proxección internacional”, creadora dunha obra narrativa “moi rica, por veces de moita ousadía expositiva, moi madurecida nas técnicas expresivas e sempre suxestiva, suxerente e ben construída”. O académico, amigo de Marina Mayoral desde que ambos se coñeceron estudando na Compostela de finais dos anos 50, recordou tamén a traxectoria investigadora da catedrática da Universidade Complutense de Madrid, na que destacan, entre outros, os traballos rosalianos e sobre Emilia Pardo Bazán. De feito, salientou, Marina Mayoral “levou o nome e a obra de Rosalía, e de Galicia polo tanto”, a unha morea de tribunas académicas internacionais onde exerceu como conferenciante ou profesora convidada, como as universidades de Harvard, Berkeley ou La Sapienza de Roma.

O presidente da RAG agradeceu a Marina Mayoral en nome de toda a Academia o seu discurso e deulle a benvida á institución como membro de honra. “Hoxe súmase á nómina de personalidades que nos honran coa súa incorporación a esta casa”, expresou Víctor F. Freixanes, que gabou o seu discurso e lembrou que Emilia Pardo Bazán, cuxa casa acolle a sede da RAG na que se desenvolveu o acto, foi recoñecida con este mesmo nomeamento en 1906. “A condición humana e os desencontros afectivos” de Rosalía, Murguía ou a propia Pardo Bazán reflectidos no discurso, engadiu, fan “que mesmo as grandes figuras da nosa historia sexan de carne, óso e sentimentos”.

A construción da “Rosalía mártir” e inmortal

“Dise moi correntemente que o meu marido traballa sen cesar para facerme inmortal”. Con estas palabras da propia Rosalía no artigo “Las literatas. Carta a Eduarda” empezaron un día as dúbidas de Marina Mayoral arredor do tema analizado na cerimonia de entrada na RAG. “Quizá as murmuracións das que se queixa teñan un fondo de verdade e sexa certo que Murguía traballa para facela inmortal, non escribindo as súas obras, pero si corrixíndoas, proporcionándolle lecturas, facendo críticas laudatorias, buscando o apoio de personaxes famosos ou relevantes para que prologuen as súas obras, e tamén ocultando todo dato biográfico que puidese prexudicala. Esta última idea non é miña: Xosé Ramón Barreiro na súa monumental e creo que definitiva biografía de Murguía conta que Vicente Risco en 1922 solicita por carta a Murguía ‘detallados datos biográficos de Rosalía’ para traballar sobre a súa obra. Barreiro comenta que mal coñecía o gran mestre, porque este ‘pasou toda a vida ocultando eses datos’, e non só os referidos a Rosalía senón tamén a el mesmo”, apunta Marina Mayoral no arranque do discurso.

A académica de honra considera preciso englobar a pregunta inicial, por que Murguía destruíu as cartas de Rosalía?, noutra máis ampla: Como foron as relacións da parella? “Comprometida cuestión, pois as opinións ao longo de máis de cento cincuenta anos foron diversas e contraditorias. E as investigacións desta última década sobre as biografías de Rosalía e Murguía engadiron complexidade á posible resposta”, reflexiona. Tras unha análise detallada de diversas fontes e textos, Marina Mayoral conclúe que Murguía construíra “a imaxe dunha Rosalía mártir” e que para “completar o seu labor de enaltecemento só lle faltaba destruír as cartas, nas que debía de aparecer unha Rosalía que non se axustaba a esa imaxe. (…). Murguía pensou, e deixou escrito, que esa Rosalía íntima só debía coñecela a familia”.

Pero o acto de Murguía de acabar coa correspondencia que conservaba dela foi en van porque todas as facianas da autora fundacional das letras galegas contemporáneas están na obra que deixou publicada e que chegou aos nosos días, salienta: “Destruíunas [as cartas] crendo que destruía unha imaxe de Rosalía que só el debía coñecer. Pero niso equivocouse: toda Rosalía está nos seus versos publicados: está o odio, pero tamén a piedade e a compaixón (…). Todo está nos seus versos, se se saben ler con atención e sen prexuízos. Neste sentido, a destrución de Murguía foi inútil. Pero non o foi o seu labor de protección e de defensa da imaxe da súa muller ao longo de toda a súa vida”.

Hoxe Rosalía “é máis que unha grande escritora” e Murguía contribuíu dalgún xeito a que así sexa, remata o discurso. “Algúns escritores conseguen coa súa obra converterse en símbolos dun país. Rosalía encarna a voz do pobo galego, é a súa alma mater, a gran Nai que reflectiu mellor que ninguén a psicoloxía, os problemas e as penas do seu pobo, a voz que denunciou as inxustizas e reivindicou os seus dereitos. Como dixo don Américo Castro, Italia ten a Dante, Alemaña a Goethe; Inglaterra, Shakespeare; España, Cervantes, e Francia, helas!, ten a Víctor Hugo. A esa pequena lista hai que engadir que Galicia ten a Rosalía. E hoxe penso que Manuel Murguía contribuíu decisivamente a iso”, subliña.

Publicado o 6 Dec 2017 en A Coruña, Lingua, Portada.
AVISO: Esta entrada ten máis de seis meses dende a súa publicación. É posible que o contido esté desactualizado.
Síguenos na nosa canle en TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies