Marga do Val e o Tyde FC recoñecidos co Premio Cidade de Tui 2026

Destacando polo seu “especial compromiso coa cidade”

Tui | Marga do Val e o Tyde FC recibiron o pasado sábado no Teatro Municipal de Tui os premios Cidade de Tui deste ano 2026. Un galardóns, que tal e coma lembrou o alcalde, Enrique Cabaleiro, na súa intervención naceron da convicción e da responsabilidade de “recoñecer a todas aquelas persoas e institucións que ao longo da súa vida amosaron un especial compromiso con esta cidade, un especial compromiso coa veciñanza de Tui”.

Referiuse tamén á identidade de Tui que “foi forxando toda a veciñanza, todas as persoas que, desde o plano individual e o plano colectivo, contribuíron a ser o que somos e do que nos sentimos realmente orgullosos. Esa identidade de pertenza, esa identidade de orgullo con aquilo que representou esta cidade e este concello ao longo dos anos”.

Enrique Cabaleiro con respecto ao TYDE sinalou que é “o sétimo club máis antigo de Galicia, que froito da dedicación de moitas persoas nestes cen anos podemos estar falando dunha institución referente no mundo do deporte, no mundo do fútbol”. Sobre Marga do Val destacou o seu “compromiso cos principios e cos valores da liberdade, da igualdade e da defensa dos dereitos civís”.

Pola súa parte a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, afirmou que “hoxe é un día de orgullo, de alegría compartida, de sentirnos parte dunha sociedade que premia pero que tamén é premiada, onde destacamos o talento, o esforzo, a palabra, o sentimento, a memoria, a comunidade… que son motores que fan grande a unha cidade. Son o espello onde a nosa cidade debe mirarse. Hoxe celebramos a paixón e a dedicación”. Engadía que “ese orgullo tudense é o que nos une por riba de calquera diferencia”. Sobre Marga do Val dicía “temos o pracer de galardoar a unha muller que é a palabra, o sentimento, a defensa da memoria” , engadindo que “coa súa participación na vida social e cultural de Tui enriquece a nosa sociedade civil”. Do Tyde FC afirmaba que é “a historia viva do deporte tudense” recoñecendo “o seu labor incansable, a promoción do deporte base, cen de anos de historia dun club que está ligado á vida de moitas e moitas xeracións de tudenses, e que demostra que o deporte é comunidade, igualdade e tamén futuro”.

O alcalde de Tui foi o encargado da entrega dos dous galardóns. O presidente do Tyde F.C., David Domínguez, tras recoller o premio repasou de forma pormenorizada estes cen anos de historia. Afirmou que o Tyde é “un club con arraigo, un club con raíces, un orgulloso representante de Tui, cunha identidade forxada en base a esta suma de historias, algunhas tristes, outras fermosas, pero que abranguen a un conxunto de xeracións e xeracións de tudenses que unen e enchen de orgullo a unha afección numerosa, fiel, apaixonada e entregada. Algo que, sen dúbida, creo que debemos sentir como o maior título do club”. Falou tamén de futuro afirmando que “o gran desafío é consolidar e manter o que hai e quizais, quen sabe, intentar repetir algún día algunha das mellores páxinas da nosa historia”.

Pola súa banda Marga do Val evocou na súa intervención as súas lembranzas da infancia e da mocidade en Tui. Amosouse feliz por ter coincidindo neste recoñecemento co TYDE FC, pola vinculación familiar co club, e tamén polo feito de que a escultura deste premio sexa obra de Silverio Rivas, vinculado a Sobredo, xa que foi alumno de Camilo Nogueira, o escultor do monumento aos mártires de Sobredo. Precisamente quixo compartir o premio cos seus compañeiros e compañeiras do Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo, que “debeu de ser das primeiras organizacións que nacen na defensa da memoria”. Na súa intervención destacou tamén que “en Tui hai miles de historias das que podemos aprender e escribir”.

A Banda de Gaitas Arume de Malvas, actuou para abrir o acto, e foi tamén a encargada de pechalo interpretando o Himno Galego.

Marián Mouriño reivindica os vínculos do Celta con Tui
Marián Mouriño, a presidenta do Celta puxo en valor a identidade de Tui e a relación do Celta coa cidade no pregón que marcou este mediodía o inicio de dez días de festexos na honra a San Telmo.

O pregón das festas de San Telmo puxo en valor a identidade de Tui e o seu carácter acolledor nun acto institucional no que tamén se destacou a relación histórica co Celta. O acto, presidido polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, contou coa presenza de membros da corporación municipal, o presidente da Cámara de Valença, José Manuel Carpinteira, e da directiva do Tyde FC.

A presidenta celeste agradeceu o convite para ser pregoeira e subliñou o “privilexio” de participar nunha xornada sinalada para a cidade, destacando que Tui “non é só un lugar con historia, senón un lugar con identidade”, facendo fincapé no papel da veciñanza como principal valor do municipio. No seu discurso, puxo en valor o patrimonio tudense, coa súa catedral, o río Miño ou o Camiño de Santiago, pero incidiu especialmente en que o que realmente fai especial a Tui é a súa xente, á que definiu como “unha comunidade con raíces profundas, que mira ao futuro sen perder o que a fai única. Nesas raíces, nesa forma de ser, tamén nos recoñecemos dende o Celta”. A pregoeira referiuse a Tui coma “unha terra profundamente celtista”. Lembrou que “o Celta formou parte destas festas” aludindo aos partidos que o equipo “viu a xogar aquí, que compartiu con vos días coma estes”. Tamén tivo palabras para a Peña Celtisa Tudense, unha das máis antigas do club que dicía “leva máis de 30 anos acompañándonos”. Felicitou ao Tyde polo seu centenario sinalando que “cen anos son moito máis ca unha cifra. Son xeracións, son recordos, son fins de semana compartidos, son historias que se transmiten de pais a fillos”.

Marián Mouriño destacou a importancia de “estar xuntos. Compartir. E iso é precisamente o que empeza agora, nesta gran xuntanza que son as festas de San Telmo en Tui”.  Mouriño deu lectura ao pregón dende o edificio da plaza da Inmaculada ante centos de persoas que gozaron xa das primeiras horas destes festexos. Interveu tamén o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, quen agradeceu a Marián Mouriño, ter aceptado ser pregoeira e a dispoñibilidade amosada para promocionar dende o club o 800 aniversario da consagración da Catedral de Tui. Conectou tamén o alcalde o pregón co centenario do Tyde.

Precisamente o presidente do Tyde, David Domínguez, entregou á presidenta do Celta unha camiseta conmemorativa do centenario. Pola súa banda Marián Mouriño entregou ao alcalde unha camiseta do Celta conmemorativa destas festas de San Telmo. A presidenta foi obsequiada cun cadro co cartel destes festexos obra do artistas tudense Carlos Fer.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.