Malditos bastardos.

Tarantino xa foi quen de cambiar a historia en Malditos bastardos. Un grupo de elite formado por soldados xudeus-estadounidenses encargouse de sementar o pánico entre o exército nazi. Sen contemplacións, arrincaban as cabeleiras dos soldados e marcaban cruces gamadas a coitelo nas súas frontes, para que, unha vez rematada a guerra e colgado o uniforme non puidesen zafarse do xenocidio o que someteron á poboación xudea.

O bo de Quentin fíxonos gozar e que imaxinaramos durante dúas horas que a historia puido ser completamente diferente grazas a xenial ocorrencia de meter nun teatro a Hitler e os seus secuaces, bloquear as portas para logo plantarlle lume e ametrallalos dende o anfiteatro.

Se tanto gozamos co esa escena, que tería evitado tanto sufrimento de ter sido certa, pregúntome se nestes intres Tarantino, en vez de cambiar a historia, non sería capaz de adiantarse a ela e rodar Malditos Bastardos Volumen 2.

“A día de hoxe, non son as Waffen SS de Adolf Hitler as que percorren as rúas á caza de xudeus senón os paramilitares do ICE de Donald Trump en busca de emigrantes”

A día de hoxe, non son as Waffen SS de Adolf Hitler as que percorren as rúas á caza de xudeus senón os paramilitares do ICE de Donald Trump en busca de emigrantes. Os motivos para detelos e ser enviados a un centro de procesamento poden ser a aparencia, a cor de pel, a indumentaria ou mesmo o acento.

Salvando as distancias, o fondo é semellante, e o director de cine só tería que ir actualizando o tipo de aberracións que se cometen na actualidade para que, devagar, fosen conducindo a un final exacto ao do primeiro metraxe.

Vénseme á cabeza unha escena de Airbag onde un político moralmente idéntico a Trump lamentábase de ser vítima dun complot logo de ser detido por abusar de nenas de dez anos. Tratábase dun pederasta que aseguraba descoñecer a idade das menores e que culpabilizaba aos pais por vestilas coma putas.

Na segunda parte de Malditos Bastardos, Tarantino non dubidaría en recrutar exguerrilleiros de tódolos grupos que combateron as ditaduras militares en América do Sur para transformalos nun novo exército de elite. Unha Fronte Revolucionaria Pansudamericana integrada por membros de Sendero Luminoso, as Farc, os Tupamaros, o Exército Zapatista de Liberación Nacional ou mesmo os Montoneros Arxentinos.

Rematado o período de formación, comezarían a rastrexar as rúas estadounidenses en busca dos axentes do servizo de inmigración e marcarlles o acrónimo ICE na fronte con sables en miniatura, sables que serían réplicas exactas do liberador Simón Bolívar.

E a guinda do pastel, a escena final posiblemente tería lugar na Torre Trump. Escollería o día do aniversario de Melania. O goberno estadounidense estaría invitado ao completo. Chegados a ese momento, teño dúbidas de como remataría Tarantino a súa obra mestra. Probablemente veríamos a Trump, Cruz e Vance saltando polo aire cun habano na boca, recheo dunha sustancia explosiva no día da celebración da invasión de Cuba ou envelenados comendo unha arepa venezolana aderezada con xofre extraído do petróleo que lle roubaron ao país caribeño.

Mais eu inclínome porque estrelaría o Air Force One contra a Torre Trump, cuxo pasaxe sería o Estado Maior Conxunto ianqui. Todos eles con hiperlordose lumbar e secuelas cognitivas, provocadas polo peso das medallas penduradas no peito que, a miúdo, lles causaban caídas de fuciños contra o chan.

Os golfos americanos no fondo do Golfo de America —así rebautizado por Donald Trump— logo de ser arrastrados entre os escombros das torres, polas correntes atlánticas dende Nova Iorque. Mentres, ao lonxe, escóitaselle a un mariachi cantar “Ay ay ayay canta y no llores”.

Mestre no CEIP de Salvaterra de Miño.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.