Máis de 19.000m2 de espazo público para o Val Miñor grazas á Rede Ágora

Destacando os investimentos en Gondomar, Baiona, Nigrán e Oia

Pontevedra | Os concellos da comarca do Val Miñor gañarán máis de 19.000 metros cadrados de espazo público para as persoas unha vez se executen todos os proxectos subvencionados con axudas da Rede Ágora do departamento de Mobilidade e Espazo Público da Deputación.

Este dato foi divulgado hoxe polo deputado Uxío Benítez tras desagregar o informe xeral presentado esta semana no acto de celebración de ‘Tres anos de Rede Ágora’ que se celebrou no Pazo Provincial e revelou que na provincia o número total de metros gañados para a veciñanza ascenderá a 340.000.

Na “conta de resultados” destacada o martes púxose de manifesto que grazas aos proxectos Ágora transformaranse a cantidade total de 620.000 metros cadrados de espazos público, o que supón multiplicar por cinco o espazo público existente gañándollo aos vehículos. Na provincia poranse en marcha 206 proxectos grazas a 5,8 millóns de euros de axudas Ágora sumadas ás do Plan Concellos, ReacPon, ou PON2023 (entre outras), que chegarán a un investimento global de 9,4 millóns de euros.

No caso particular do territorio miñorán, os números son certamente positivos: faranse obras nun total de 40.479 metros cadrados, que pasarán de dispoñer dun espazo peonil previo de 8.742 metros cadrados a 28.658 m2, o que supón un incremento de 19.496 metros. Esta renovación e recuperación do espazo urbano implicará un investimento de preto de 6,6 millóns de euros. O número de proxectos en carteira é de 16, estando aprobados na primeira convocatoria de axudas Ágora catro, cinco na segunda e sete na terceira e última, este mesmo ano.

A liña de axudas da Rede Ágora concedeu fondos na comarca do Val Miñor ao Concello de Gondomar para a adecuación urbano sustentable da praza de Rosalía de Castro e a súa contorna, na primeira convocatoria; na segunda para a reordenación do espazo público da avenida Conde de Gondomar, a recuperación de espazo na rúa Igrexa e o camiño San Bieito (Fonte de Mera), a adecuación da contorna da Igrexa de Santa Baia, e o estudo integral do itinerario peonil entre a senda da PO-340 e o paseo marítimo; mentres que na terceira convocatoria os fondos foron para os proxectos de mellora do espazo público na contorna do centro de desenvolvemento local (CDL) en As Cercas, e para a mellora da contorna da Capela das Mercedes en Chaín.

O Concello de Nigrán recibiu axuda para as obras de humanización da rúa da Gaivota na primeira fase de subvencións e na terceira para o proxecto ‘Paseando en bici á praia’.

O Concello de Baiona recibiu axuda para a mellora o proxecto de mobilidade amable do paseo Ribeira de Baiona e a reordenación do ámbito da igrexa Santa Liberata na primeira convocatoria; e na terceira para os proxectos de adecuación e posta en valor ada rúa Hortas Reais, para o acondicionamento das rúas Puente e Viso de Calvos en Sabarís, a posta en valor do rueiro do Camiño do Castro e tamén das rúa Doutor José Viaño Viso e o Camiño do Piñeiro.

O Concellos de Oia recibiu na primeira liña de axudas fondos para o proxecto de humanización da estrada vella no treito do Mosteiro de Oia a Punta Orelluda e o Camiño Portugués da Costa.