
Mos | Trala súa aprobación inicial no pleno ordinario do 1 de decembro de 2025, orzamento do Concello de Mos para o exercicio 2026 quedou definitivamente aprobado unha vez rematado o prazo legal de exposición pública, polo que non será necesario volver a levalo a pleno para a súa ratificación.
Deste xeito, as contas municipais, que ascenden a 15.885.675,48 euros, entrarán en vigor tras a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP), converténdose no maior orzamento da historia do municipio e consolidando un modelo de xestión baseado na estabilidade económica, a responsabilidade financeira e a prioridade das persoas.
A alcaldesa, Nidia Arévalo, destaca que se trata “dun orzamento serio, equilibrado e ben planificado, que responde ás necesidades reais de Mos e conta cunha ampla aceptación”.
Arévalo lembrou que este orzamento “permite seguir avanzando nun Mos máis social, máis moderno e con mellores servizos públicos, mantendo os impostos conxelados e cun nivel de débeda moi baixo”, e subliñou que “é froito dunha xestión rigorosa que nos permite investir máis ca nunca sen poñer en risco a estabilidade do Concello”.
A rexedora incidiu tamén en que estas contas fan posible activar investimentos estratéxicos e optar a máis de 17 millóns de euros doutras administracións, grazas á colaboración institucional coa Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, “multiplicando a capacidade de actuación do Concello e acelerando proxectos clave para a veciñanza”.
“Falamos dun orzamento social, realista e pensado nas persoas, que nos permite seguir construíndo un Mos con máis oportunidades, máis calidade de vida e máis futuro”, concluíu a alcaldesa.
Coa súa publicación oficial no BOP, o orzamento municipal de 2026 entrará plenamente en vigor, iniciándose así a execución das actuacións previstas para o novo exercicio.




