Vigo | Durante o mes de outubro, as asociacións veciñais de Vigo e do Val Miñor organizaron diversas actividades en torno ao Magosto 2021, algunhas delas tamén celebradas para este mes de novembro. Destacan especialmente as tradicionais castañas, a festividade céltica do Samaín e por suposto o San Martiño (13 de novembro), mantendo inalterable unha tradición que volve con entusiasmo nestes tempos de “nova normalidade” post-pandemia.
Neste sentido, o Concello de Vigo anunciou que organizará as actividades pertinentes a este Magosto 2021 así como do Samaín en todas as parroquias que conforman o municipio. Isto demostra o recoñecemento por parte do goberno municipal ao tradicional acervo de cultura asociativa e veciñal viguesa.
Así, parroquias como Alcabre, Beade, Bembrive, Cabral, Candeán, Castrelos, Comesaña, Coruxo, Lavadores, Matamá, Navia, Oia, Saiáns, Sárdoma, Teis, Valadares Zamáns e outras consideradas como históricas (Bouzas, Coia, Freixeiro, San Paio e San Xoan do Monte) veñen celebrando o seu Magosto 2021 grazas ó labor das súas asociacións e o apoio do Concello vigués.
Por outra banda, os propios veciños e comerciantes tamén se organizaron para a celebración desta festa. A recén creada Asociación de Hostalería e Comercio Casco Vello, fundada en xaneiro pasado con mais de 60 entidades membro, impulsa desde mediados de outubro a campaña “¡Toma Castaña!” cuxa primeira edición conta coa intención de “reforzar e ampliar a festa do Magosto no Casco Vello de Vigo”.
Cata de viños, ShowCooking no Mercado do Berbés, charla no Instituto Camões sobre o Magosto en Galicia e Portugal, exaltación dos produtos típicos do Magosto (chourizo, castañas) por parte da hostalería do Casco Vello, Magosto Popular do Berbés en Vigo (28 de outubro), Samaín, calacús e cabazas, a Santa Compaña con actuación infantil e musical da Banda de Gaitas (31 de outubro) son algunhas das actividades que precedan ao día grande, o 13 de novembro, coa Gran Castañada en honor a San Martiño.
Seguindo co tecido asociativo, entidades como a Asociación de Veciños de Teis, a Asociación Sociocultural As da Industria de Vigo, a Asociación de Veciños de Bouzas e a Asociación Veciñas Novo Vigo (Navia), entre outras, tamén organizaron entre o 24 e o 28 de outubro os seus respectivos Magostos contando co apoio do Concello vigués, con castañadas, Festa do Samaín e música tradicional.
O Val Miñor
No caso do Val Miñor, destacan Nigrán e Gondomar. O Centro Cultural A Camoesa localizado en Camos (Nigrán) celebrará o 6 de novembro o seu Magosto no seu patio exterior e atendendo ás medidas COVID.
Será unha celebración con castañada na que se degustará o tradicional viño e contará coa actuación de grupos musicais.
Pola súa banda, a Asociación de Veciños Galiñeiro Vincios (Gondomar) onde tamén departe a Comunidade de Montes de Vincios celebrou o pasado 9 de outubro no Centro Cultural de Vincios o seu tradicional Magosto, con sendeirismo pola Serra do Galiñeiro, castañadas contando coa presenza doutras asociacións locais, gaitas e grupo de música folk.