Madre Patria.

España é un país cuxa historia está en perenne estado de revisionismo. Ese proceso alcanza cotas importantes dentro do mundo editorial, con libros que traducen un determinado interese do público en xeral por “re-coñecer” un pasado inconcluso e moitas veces lastrado de estereotipos.

Un caso significativo ten que ver coa popular “lenda negra española”. En 2016, a historiadora española María Elvira Roca Barea publicou un éxito de supervendas editorial: “Imperiofobia y leyenda negra. Roma, Rusia, EE.UU y el Imperio español”. A tese do libro baséase en desmontar a histórica “lenda negra española”, atribuíndo a ingleses e holandeses a súa autoría para desprestixiar ao Imperio español, principalmente pola súa empresa colonial nas Américas e as súas poboacións indíxenas orixinarias.

Este libro leva mais dunha centena de reimpresións e mais de 100.000 lectores, pero non está exento da polémica: en decembro de 2019, o diario El País publicou o artigo “Las citas tergiversadas del superventas sobre la leyenda negra española”, no que argumentaba que as teses de Roca Barea contén “citas imprecisas, tergiversadas y apócrifas que contribuyen a sostener la tesis del libro: la hispanofobia perdura en el siglo XXI y obedece a tópicos falsos que fabricó especialmente el mundo protestante por la envidia que suscitaba el Imperio español en el siglo XVI”.

Ao libro de Roca Barea lle saíu competidor editorial para confrontar esas teses, a través do texto de José Luis Villacañas, Imperiofilia y el populismo nacional-católico. Desmontando Imperiofobia”.

Hoxe temos unha continuidade editorial desas teses de Roca Barea no libro do politólogo arxentino Marcelo Gullo Omodeo, publicado este 2021 e xa con segunda edición, cuxo título é por demais tan suxerente como atractivo: “Madre Patria. Desmontando la leyenda negra desde Bartolomé de las Casas hasta el separatismo catalán”. Así de claro.

Falando de marketing, pero neste caso político ou “imperial”, Gullo Omodeo argumenta que a lenda negra española foi “a obra mais xenial do marketing político británico” sobre os crimes españois nas Américas, unha “falsificación da historia” que tamén recolleu durante o século XX a ex URSS e que tivo predicamento no campo cultural e político das esquerdas.

Nestes días, o diario El Mundo entrevistou ao autor deste libro, quen probablemente atópase en pleno marketing editorial do mesmo, deixando unha frase igualmente provocativa: “España no conquistó América; España liberó América”. Considera Gullo Amodeo que, durante o século XX, a esquerda latinoamericana, dende Mariátegui ata o propio Che Guevara, admiraba a empresa imperial dos conquistadores españois.

Compre por tanto considerar a qué se debe este boom editorial revisionista, neste caso sobre o pasado imperial español e a controvertida “lenda negra española”. Hai obviamente perspectiva política nisto. Nos últimos meses temos observado durante as protestas sociais en países latinoamericanos como México, Colombia e Chile, o derrumbe de estatuas de Cristóbal Colón e de todo aquelo que identificara co pasado imperial español.

“Compre por tanto considerar a qué se debe este boom editorial revisionista, neste caso sobre o pasado imperial español e a controvertida ‘lenda negra española”

Por outra banda, e retomando o subtítulo do libro de Gullo Amodeo, queda claro que algunha influencia ten a aparición do procés catalán para que, neste caso dende a outra beira do Atlántico, se apostara por un revisionismo “hispanófilo”. Acudo así ao índice deste libro. O seu capítulo 13 intitúlase “El separatismo catalán y la puñalada geopolítica” e o derradeiro capítulo, o 14, ten como título “Para que España siga sendo España”. Curioso que o autor non tivera a mesma sensibilidade coas expectativas e dereitos de autodeterminación de nacións sen Estado como Cataluña.

Parecera, por tanto, que este este boom editorial revisionista “hispanófilo” tratárase de cuestións de “patrias” ou de “madres patrias”. Independentemente de calquera visión reaccionaria, está por ver se este revisionismo pode contribuír a un debate, plural e honesto, sobre ese pasado histórico.

“Parecera, por tanto, que este este boom editorial revisionista “hispanófilo” tratárase de cuestións de ‘patrias’ ou de ‘madres patrias”

Como dato curioso, pregaría reflexionar se, ao carón deste revisionismo editorial das “patrias”, a declaración da segunda vicepresidenta e ministra do Traballo, Yolanda Díaz, considerando o concepto de “Matria” como “proxecto de país” pode igualmente contribuír, cando menos colateral e indirectamente, a pór sobre a mesa a necesidade de amplitude dese debate revisionista.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.