“Luz verde” para o Parque Empresarial de O Vieiro na Cañiza

O Concello, Zona Franca e a Xunta de Galicia asinaron o protocolo de colaboración

A Cañiza | O delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e o alcalde da Cañiza, Luis Piña, asinaron o protocolo de colaboración que impulsa a posta en marcha e o desenvolvemento do Parque Empresarial de O Vieiro cunha superficie de 846.531,08 m² de solo industrial.

Zona Franca e Concello colaborarán no desenvolvemento da implantación e execución do proxecto, mentres a Xunta realizou unha modificación normativa na Lei do Solo de Galicia para permitir que Zona Francia, que financiará e desenvolverá integramente o novo parque, actúe como promotora. Tanto Regades como Lorenzana e Piña puxeron en valor a coordinación institucional das tres administracións e a vontade de acelerar toda a tramitación.

Trátase dun paso fundamental xa que así o Consorcio poderá promover directamente ante a Administración autonómica un novo modelo de desenvolvemento mediante un Plan Estructurante de Ordenación do Solo Empresarial (PEOSE), solicitando previamente a declaración de interese autonómico da actuación. O PEOSE é un instrumento que permite unha ordenación máis áxil, facilita a creación de solo empresarial e acelera a súa tramitación.

O protocolo que se asinou é o paso previo á formalización dun convenio interadministrativo. Esta adaptación urbanística dá a cobertura necesaria ao proxecto deste parque estratéxico para o Sur de Galicia, unha actuación liderada por Zona Franca cuxo papel se considera clave para facer viable un proxecto desta dimensión, que dará resposta á histórica demanda do tecido empresarial, facilitará o asentamento de novas empresas, fixará poboación e mellorará a competitividade do territorio.

David Regades sinalou que este protocolo acelera o proceso para a posta en marcha do novo Parque Empresarial de O Vieiro. “É un parque estratéxico para toda a Eurorrexión e un esforzo máis da Zona Franca por fomentar a xeración de emprego co fin de promover o desenvolvemento económico. Temos que ser capaces de dar resposta ás súas necesidades e de articular localizacións adecuadas”.

O delegado especial do Estado tamén destacou “a estratéxica localización da Cañiza como enclave empresarial pola súa conectividade coa área de Vigo, co porto, co interior (O Ribeiro) e o norte de Portugal, ao pé da Autovía A52 en conexión coa meseta”. María Jesús Lorenzana destacou a colaboración das administracións co obxectivo de atender a demanda empresarial de solo, encomiou o “empeño” do alcalde Luis Piña no desenvolvemento industrial da zona e o apoio financeiro da Zona Franca de Vigo. “Non esquezamos que é a primeira vez que unha administración, que non é a Xunta, participa no desenvolvemento de áreas empresariais non previstas na lei correspondente. De aí ese cambio lexislativo para posibilitar o que hoxe estamos a asinar, que non só é bo para A Cañiza, tamén o será para a PLISAN e para a economía galega no seu conxunto”, sinalou a conselleira de Economía e Industria.

Pola súa banda, Luis Piña, asegurou que “hoxe non só asinamos un documento, reafirmamos o compromiso co futuro da Cañiza e o conxunto de Galicia”. O alcalde agradeceu a vontade das tres administracións que dota ao proxecto dun carácter supramunicipal “que solucionará a crecente demanda de solo empresarial no sur da provincia. É un proxecto para A Cañiza, para Paradanta, para O Condado, para O Ribeiro, para o interior de Galicia, para a conexión co Norte de Portugal e intégrase na dinámica da área de influencia de Vigo. Trátase dunha actuación que conseguirá dinamizar a economía de todo o territorio, freará o despoboamento e xerará emprego, con estimacións de aproximadamente un milleiro de postos de traballo en sectores como a loxística, industria ou agroindustria”, explicou o rexedor.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.