
A Cañiza | O Alcalde Luis Piña informou esta mañá da sinatura do acordo de cesión indefinida dun espazo do monte comunal coñecido como Alto do Montouto, alcanzado entre o Concello e a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de Achas o pasado 23 de xuño de 2025.
Este convenio, asinado en presenza do Alcalde Luis Piña e da presidenta da Comunidade de Montes, Iria Rodríguez Sánchez, fundamental para o impulso turístico e ambiental do municipio, permite iniciar as obras do novo Observatorio Nocturno e Miradoiro Interpretativo do Montouto, infraestrutura que pasará a formar parte da Rede de Observatorios Nocturnos e Miradoiros do Xeodestino Condado Paradanta. Unha iniciativa supramunicipal orientada a promover o turismo estelar, o coñecemento da paisaxe e a divulgación ambiental.
O espazo do Montouto destaca polas súas condicións óptimas de observación astronómica, pola visibilidade panorámica sobre vales e montes circundantes e pola súa accesibilidade, factores que o converten nun punto estratéxico dentro desta rede.
A cesión realizada pola Comunidade de Montes abrangue exclusivamente os terreos necesarios para a construción do proxecto e os accesos vinculados. O convenio establece que:
– Non existe contraprestación económica para o Concello pola cesión.
– O Concello asume o mantemento, limpeza e conservación das instalacións e comprométese á contratación dos seguros correspondentes e ao cumprimento estrito da normativa vixente.
– Ademáis responde igualmente da seguridade laboral, dos permisos administrativos e da reparación de calquera dano derivado das obras no terreo cedido.
Pola súa parte, a Comunidade de Montes comprométese a facilitar o acceso ao terreo durante a execución dos traballos e a autorizar todas as actuacións necesarias no seu ámbito.
Tanto o Concello como a Comunidade de Montes coinciden en que este acordo representa un avance relevante para o desenvolvemento turístico, cultural e ambiental do municipio:
Fomenta novas oportunidades económicas e sociais para os veciños.
a) Potencia o uso responsable e sostible dos montes veciñais.
b) Reforza a imaxe da Cañiza como destino natural, cultural e de divulgación científica.
O contrato establece que a cesión é por tempo indefinido, sempre e cando o terreo se destine ao fin para o que foi concedido.Tamén se especifica que calquera transmisión ou cesión a terceiros, especialmente a entidades privadas, deberá contar coa autorización previa da Asemblea da Comunidade de Montes, garantindo o respecto ao carácter comunal da propiedade.
O Alcalde Luis Piña destacou que “este proxecto é un exemplo de cooperación práctica e eficaz entre institucións locais, que pon en valor un dos espazos naturais máis singulares do noso concello e que, ademais, xa é unha realidade”.




