Luís López da inicio ao novo goberno na Deputación de Pontevedra

Celebrado o pleno de organización do actual mandato

Pontevedra | O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presidiu este venres o Pleno de organización do actual mandato, onde se abordaron cuestións como o réxime de sesións do Pleno, a composición das comisións informativas, o nomeamento dos representantes en órganos colexiados, o persoal eventual e mais as dotacións económicas e dedicacións do grupo de goberno.

Respecto ao primeiro asunto, o réxime de sesións ordinarias do pleno quedou fixado para o último venres de cada mes ás 12:00 horas, como viña xa sucedendo nos anteriores mandatos. No caso das comisións informativas, que serán un total de dez e se celebrarán en réxime ordinario os venres anteriores a cada Pleno, estarán compostas por 9 deputados do grupo provincial do Partido Popular, 6 do grupo do Partido Socialista e outros 2 do BNG.

As comisións serán as seguintes: Transparencia, Réxime Interior e Facenda; Cooperación Local, Transfronteiriza e de Coordinación das Emerxencias; Turismo, Acción Comunitaria, Impulso ao Rural e Medio Ambiente; Igualdade, Políticas Sociais, Familia e Reto Demográfico; Proxectos Europeos, Modernización Tecnolóxica e Administrativa e Axenda Dixital; Cultura, Educación e Patrimonio Histórico, Documental e Lingüístico; Deportes, Xuventude e Vida Saudable; Infraestruturas, Equipamentos Públicos e Mobilidade; Promoción Económica e Impulso e Formación para o Emprego; e mais a Comisión Especial de Contas.

No apartado de dotacións económicas e dedicacións do equipo de goberno, o grupo do Partido Popular contará con tres dedicacións exclusivas correspondentes ao presidente e dous deputados. Ademais, haberá tres dedicacións parciais ao 85, ao 79 e ao 50%, respectivamente.

Áreas de goberno
“Hoxe é o inicio da nosa andaina como goberno provincial”. O presidente Luis López deu conta do reparto das áreas do novo goberno da Deputación de Pontevedra, composto por “un equipo que vén de sitios distintos pero que estamos unidos por Pontevedra”. O presidente asegurou que se sente “privilexiado por compartir esta nova etapa cun conxunto de mulleres e homes de traxectoria recoñecible e recoñecida, con novas ideas e cunha innegable vocación de servizo”.

Luis López asegurou que a provincia de Pontevedra precisa tres cuestións: “da mellor xestión, e aquí hai xestores con experiencia; dinamismo, e aquí hai deputados con ganas e iniciativa; e talento, e estes son os mellores en cada posición”. Así, o novo goberno provincial “aseméllase ao que somos como provincia e ao que queremos ser, porque nel se reflexan as nosas prioridades estratéxicas do mandato”. Deste xeito, a vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, encargarase das áreas de Deportes e Cultura mentres que o vicepresidente Rafa Domínguez será responsable de Economía e Impulso ao Emprego, Museo Provincial e do convento de Santa Clara.

O alcalde da Estrada e deputado provincial, José López Campos, dirixirá Cooperación Local e Emerxencias, e a alcaldesa de Ponteareas e deputada, Nava Castro, a área de Turismo. Reto Demográfico, Xuventude e Desenvolvemento Rural será xestionada polo alcalde de Cerdedo-Cotobade e tamén deputado provincial, Jorge Cubela, mentres que Asistencia aos Concellos, Transparencia e Administración Xeral será responsabilidade de Jesús Vázquez-Almuíña, alcalde de Baiona. A alcaldesa de Marín, María Ramallo, encargarase de Fondos Europeos, Innovación e Axenda Dixital; o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, de Xestión Tributaria, Patrimonio e Formación; e o da Guarda, Roberto Carrero, de Cooperación Transfronteiriza e Relacións Institucionais. O deputado provincial Marcos Guisasola levará Medio Ambiente e Mar; Sandra Bastos liderará Igualdade e Benestar Social; Isabel Couselo Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación; e Javier Tourís farase cargo de Acción Comunitaria e Equipamentos Públicos.

O novo equipo da Deputación “aspiramos a ser o equipo da mellor Pontevedra: a que fan realidade cada día o preto de millón de habitantes desta provincia”, asegurou o presidente Luis López, que lles agradeceu “a súa dedicación e compromiso, como xa amosaron nestas primeiras semanas”. López sinalou que “temos por diante unha marea de catro anos moi intensa, e contamos coa mellor tripulación para chegar a bo porto”.

Actividades a prol da lingua galega
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, deu conta da aprobación da concesión das axudas destinadas a entidades culturais da provincia para promover, fomentar e difundir actividades de dinamización da lingua galega durante o exercicio 2023, unha liña dotada de 150.000 euros e das que se beneficiarán 57 entidades con achegas que ascenden aos 126.000 euros. Luis López asegurou que “a lingua galega diferéncianos e proxéctanos no mundo cunha personalidade única” e reiterou, “como xa avancei no mesmo día da miña investidura como presidente, que desde a Deputación imos potenciar e moito a nosa cultura e a nosa lingua como sinais de identidade fundamentais para posicionarnos nun mundo cada vez máis global”.

As axudas da Deputación teñen o fin de potenciar o uso do noso idioma no ámbito económico e, en xeral, en todos os sectores con repercusión social. As axudas, destinadas a entidades culturais sen fins de lucro, permitiron subvencionar ata o 75% do orzamento ata un máximo de 3.500 euros.

Son susceptibles de acadar as achegas accións de fomento da creación e difusión cultural (certames, creacións, feiras…), sociolingüística e toponimia (estudos sobre sociolingüística, recuperación da toponomia), fomento do emprego no comercio e industria, recoñecementos e distincións (xornadas, campañas…), obradoiros para reforzar o traballo a prol do uso da lingua entre a veciñanza e publicacións de materiais que teñan como fin introducir ou estender o uso da lingua nalgún eido.

Obteñen recursos 20 entidades da comarca de Vigo 13 de Vigo, 2 de Redondela, 1 de Baiona, 1 de Gondomar, 1 de Mos, 1 de Nigrán e 1 do Porriño) , outras 10 entidades do Morrazo (7 de Cangas, 2 de Bueu e 1 de Moaña), 9 entidades do Salnés (4 de Vilagarcía, 1 de Cambados, 1 do Grove, 1 da Illa, 1 de Sanxenxo e 1 de Vilanova), 8 entidades da comarca de Pontevedra (4 de Pontevedra, 2 de Marín, 1 de Poio e 1 de Ponte Caldelas) , 6 entidades de Deza-Tabeirós (3 de Lalín, 2 da Estrada e 1 de Silleda), 3 entidades do Condado-Paradanta (1 de Mondariz, 1 das Neves e 1 de Ponteareas) e, finalmente, unha entidade do Baixo Miño (O Rosal).