Cualedro | Luciano Rivero Cuquejo (Cualedro, 1975) revalidou a presidencia do Partido Popular de Cualedro no congreso celebrado por esta agrupación local e que contou na clausura co presidente provincial, Luís Menor; a vicepresidenta dos populares ourensáns, Marta Novoa; e a secretaria xeral, Sandra Quintas, ademais de membros do PP da comarca e do resto da provincia.
Menor cualificou ao tamén alcalde de Cualedro como “referente” das maiorías absolutas do PP na provincia, poñendo en valor a estabilidade municipal e política que conseguiu para o seu concello, polo que lle pediu replicar estes resultados para que en 2027 a provincia “supere as 55 alcaldías actuais gobernadas polo PP e recuperar así a maioría absoluta na Deputación”.
Con este congreso, dixo Luís Menor, “poñemos o partido ao día, en clave de mobilización, pensando a dous anos vista porque non nos conformamos”, advertiu en referencia á necesaria maioría na Corporación provincial para poder desenvolver os proxectos do Partido Popular”.
O presidente provincial puxo como reto que a provincia de Ourense “sexa a primeira en apoio electoral en calquera convocatoria”, xa que iso “danos a forza e o recoñecemento do partido en Santiago e en Madrid”, como así foi no congreso nacional celebrado a pasada fin de semana, e no que o PP de Ourense entrou a formar parte do Comité Executivo Nacional na persoa de Luis Menor, e da Xunta Directiva nacional con Marta Novoa, como unha das dez alcaldesas e alcaldes de España en representación de pequenos municipios.
O presidente provincial cualificou a Cualedro como “lugar emblemático e viva historia do PP”, onde o presidente da agrupación coñeceu a vida local da man dunha “muller pioneira en política”, en referencia á súa nai, Marina Cuquejo, 27 anos como alcaldesa (1979-2006) e que tamén foi deputada provincial.
Luciano Rivero, con 18 anos á fronte da alcaldía, gobernando desde entón sempre con sucesivas maiorías absolutas, agradeceu o apoio dos compañeiros de partido, da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, “que fixeron posibles moitos proxectos para avanzar na modernización de Cualedro”. Apostou neste sentido por iniciativas “realistas e pola boa xestión que se demostra con feitos”, citando logros como as infraestruturas básicas ou o plan municipal de vivenda.
Xa como presidente local do PP de Cualedro, Rivero pediu que o partido siga estando “aberto e próximo á cidadanía, para saber transformar as inquedanzas da veciñanza en propostas reais”.
Lanzou tamén unha mensaxe de unidade aos compañeiros populares da comarca para seguir “reforzando os resultados electorais”, sinalando que “temos a responsabilidade de coidar o partido, fortalecelo e garantir o maior apoio posible”.
A suma de esforzos é a clave do éxito, advertiu Luciano Rivero, para quen o principal obxectivo político ten que ser conseguir os dous deputados provinciais pola comarca, criticando ademais que outras formacións maltraten ao rural suprimindo un AVE digno na porta de entrada ao interior de Galicia, en referencia á estación da Gudiña.